• O pasado venres 18 de decembro, Michel Barnier participou no pleno do Parlamento Europeo para falar sobre as futuras relacións da Unión Europea co Reino Unido
  • Durante a súa intervención recordou a importancia de chegar a un acordo, así como as materias de conflito que persisten nas negociacións: a pesca, a gobernanza e a competencia xusta



Bruxelas, 21 de decembro de 2020. Durante a súa intervención no pleno do Parlamento Europeo, Michel Barnier recordou que queda moi pouco tempo para chegar a un acordo que entre en vigor o 1 de xaneiro.

Desde o comezo das negociacións, os británicos estableceron un requisito fundamental: recuperar a súa soberanía, algo que respecta e acepta a UE. Na mesma liña, o xefe negociador europeo resaltou que debe existir unha reciprocidade para que as partes poidan chegar a un acordo, polo que os británicos tamén deben respectar a soberanía dos Estados membros da UE, os valores e políticas comúns da UE e o mercado único.

Dende a UE queren unha cooperación comercial e económica aberta e ambiciosa que sexa xusta e equitativa e estea baseada na competencia xusta. Neste sentido, o negociador xefe da UE afirmou que, se o Reino Unido desexase diverxer no futuro nesta materia, está no seu dereito, pero non pode estar exento de consecuencias cando se trata de ter un acceso libre de aranceis e cotas ao noso mercado.

No que respecta a pesca, tal e como manifestou Barnier, a UE acepta que o Reino Unido queira recuperar a súa soberanía para poder controlar o acceso ás súas augas. Pero se o Reino Unido quixese, despois dun período de axuste crible e suficiente, poder cortar o acceso ás súas augas en calquera momento, a UE debe ter un dereito soberano de reacción ou compensación. Isto é así xa que a UE non considera xusto nin aceptable que os pescadores europeos teñan só dereitos de transición en augas británicas -que se evaporarían un día- mentres que o resto do acordo, especialmente para as empresas británicas, permanece estable.

Hai moitas outras dimensións importantes que se negociaron como é o caso da cooperación económica a través dun acordo de libre comercio que inclúe o acceso ao mercado libre de aranceis e cotas, a conectividade no transporte aéreo e por estrada e na enerxía, ou a cooperación na seguridade social.

As negociacións chegaron a bo porto tamén no relativo á seguridade interna, onde as partes teñen un interese común en protexer aos seus cidadáns, polo que acordaron unha estreita cooperación en oito áreas específicas: Europol, Eurojust, Prüm, a extradición, o intercambio de información sobre rexistros penais e a conxelación e confiscación de activos. Esta cooperación baséase en dous requisitos previos: o respecto dos dereitos fundamentais, en particular os consagrados no Convenio Europeo de Dereitos Humanos, e a protección dos datos persoais.

Ademais, dende a UE tamén están a traballar para poñer en marcha a nova Reserva de Axuste ao Brexit (BAR) cifrada en 5.000 millóns de euros “co fin de contrarrestar os prexuízos derivados da saída do Reino Unido nos Estados membros e sectores máis gravemente afectados”.

Máis información: Comisión Europea

Discursos do vicepresidente da Comisión Europea, Maroš ŠEFČOVIČ, e do xefe negociador da UE para o Reino Unido, Michel BARNIER, na sesión plenaria do Parlamento Europeo.

© Fundación Galicia Europa

ContactoAviso Legal