Estrasburgo, 12 de febreiro de 2019. Ante o risco cada vez maior de que o Reino Unido se retire da Unión Europea o próximo 30 de marzo sen un acordo (escenario «sen acordo»), a Comisión Europea adoptou hoxe unha proposta para axudar a mitigar o impacto significativo que este escenario tería no transporte ferroviario e a conectividade entre a UE e o Reino Unido.

A proposta adoptada hoxe garantirá a validez das autorizacións de seguridade en determinadas partes da infraestrutura ferroviaria durante un período estritamente limitado de tres meses, co fin de que poidan adoptarse solucións a longo prazo acordes coa lexislación da UE. Esta medida está relacionada, en particular, co túnel da canle da Mancha e estará condicionada a que o Reino Unido manteña normas de seguridade que satisfagan plenamente os requisitos da UE. Garantirase así a protección dos viaxeiros do ferrocarril e a seguridade dos cidadáns, e evitaranse perturbacións importantes das operacións ferroviarias e servizos de lanzadeira transfronteirizos despois da retirada do Reino Unido.

Ademais desta proposta, é tamén fundamental que as empresas afectadas e as autoridades nacionais sigan tomando todas as medidas necesarias para cumprir as normas da UE sobre licenzas de maquinista e acceso ao mercado, así como sobre os certificados e as autorizacións de seguridade necesarios para operar na UE.

A proposta adoptada hoxe dá continuación aos chamamentos do Consello Europeo (Artigo 50) de novembro e decembro de 2018 para intensificar o traballo de preparación a todos os niveis, e á adopción do Plan de Acción de Continxencia da Comisión o 19 de decembro de 2018.

Ata a data, propuxéronse dezanove medidas lexislativas e publicáronse oitenta e oito comunicacións preparatorias. É importante sinalar que as medidas de continxencia en ningún caso poderán atenuar o impacto global dun escenario «sen acordo», como tampouco compensarán de ningún xeito a falta de preparación nin reproducirán plenamente as vantaxes da pertenza á Unión ou as condicións favorables dun período de transición como o que se prevé no acordo de retirada.

A proposta adoptada hoxe é de carácter temporal, ten un alcance limitado e será adoptada unilateralmente pola UE. Nela téñense en conta os debates cos Estados membros. A Comisión seguirá apoiando aos Estados membros no seu labor de preparación e intensificou os seus esforzos, por exemplo organizando visitas a todas as capitais da EU-27.

Próximos pasos

A Comisión Europea traballará estreitamente co Parlamento Europeo e o Consello para garantir a adopción da medida lexislativa proposta co fin de que estea o vigor o 30 de marzo de 2019.

Contexto

A ratificación do acordo de retirada segue sendo o obxectivo prioritario da Comisión. Tal como destacou na primeira Comunicación da Comisión sobre a preparación do Brexit do 19 de xullo de 2018, con independencia do escenario contemplado, a decisión do Reino Unido de retirarse da Unión Europea causará importantes perturbacións. Tanto os distintos interesados como as autoridades nacionais e da UE deben, por tanto, prepararse para os dous posibles escenarios principais:

  • Se o acordo de retirada se ratifica antes do 30 de marzo de 2019, o Dereito da UE deixará de aplicarse ao e no Reino Unido o 1 de xaneiro de 2021, é dicir, transcorrido un período transitorio de vinte e un meses. O acordo de retirada inclúe a posibilidade de ampliar unha vez o período de transición nun ou dous anos.

  • Se o acordo de retirada non se ratifica antes do 30 de marzo de 2019, non haberá período transitorio e o Dereito da UE deixará de aplicarse ao e no Reino Unido a partir do 30 de marzo de 2019. Esta situación coñécese como «escenario sen acordo» ou «escenario límite».

A Comisión publicou o ano pasado ochenta e oito comunicacións sectoriais preparatorias  para informar os cidadáns das consecuencias da retirada do Reino Unido sen un acordo de retirada.

Coa de hoxe, a Comisión fixo dezanove propostas lexislativas no contexto da preparación do Brexit e o traballo de continxencia. A Comisión mantivo tamén debates técnicos cos Estados membros da UE-27, tanto sobre cuestións xerais de preparación como sobre medidas de preparación sectoriais, xurídicas e administrativas específicas.

As diapositivas utilizadas nestes seminarios técnicos están dispoñibles en liña. A Comisión tamén empezou a visitar os vinte e sete Estados membros da UE para asegurarse de que os plans nacionais de continxencia van polo bo camiño e proporcionar as aclaracións necesarias sobre o proceso de preparación.

© Fundación Galicia Europa

ContactoAviso Legal