O MADB facilita o acceso a información relevante perante o Brexit

A base de datos de acceso aos mercados (MADB) é unha ferramenta en liña gratuíta desenvolvida por Taric S.A., que a Comisión Europea pon a disposición das empresas que exportan dende a UE a terceiros países. A MADB posúe un potente buscador que facilita o acceso as condicións de importación de países non pertencentes á unión.

Que contido está a ser actualizado?

A Comisión Europea actualiza periodicamente o contido da MADB con información detallada sobre as medidas de cumprimento obrigatorio nos países que reciben importacións da UE. Esta última actualización céntrase nos cambios que se aplicarían en Reino Unido, en caso dun Brexit abrupto, tendo en conta os documentos oficiais emitidos polo país anglosaxón.

Grazas a esta aplicación a Comisión asegúrase de que os exportadores comunitarios teñen acceso a un instrumento útil, que os prepara para calquer escenario posible.

A base de datos está accesible nesta ligazón e contén datos relevantes sobre impostos aduaneiros, dereitos arancelarios, procedementos e documentación, estatísticas, barreras ao comercio e outros temas de interese para máis de 120 países.

Que servizos ofrece a MADB?

No seu sitio web, en inglés, ofrecen diferentes servizos de información:

  • Base de datos de barreiras comerciais
  • Estatísticas de fluxos comerciais
  • Guías e informes de comercio exterior
  • Aranceis, impostos, cotas…

Para realizar unha consulta sobre aranceis deberemos introducir o país do que queiramos obter información e o produto en cuestión, introducindo os seis primeiros díxitos do código arancelario TARIC. A MADB ofrecerá información exhaustiva sobre taxas, tipos impositivos e sobre os requisitos de importación no país de destino. Para facilitar o acceso a mercados de todo o mundo a plataforma amosa os últimos cambios en materia de tarifas, procedementos, barreiras de comercio novas ou resoltas.

De forma adicional a plataforma tamén recolle os datos relevantes para importar produtos procedentes de terceiros países á UE, polo que é un instrumento necesario para calquera empresa que pretenda traballar nos mercados internacionais extra comunitarios.

© Fundación Galicia Europa

ContactoAviso Legal