De acordo co calendario oficial, Londres e Bruxelas deben de poñerse de acordo sobre a súa futura relación antes de final de ano.

A pandemia de coronavirus fai que as negociacións sexan agora case imposibles. Con todo, Londres segue descartando toda extensión do período de transición.

O 2 de marzo celebrouse a primeira mesa de negociación posterior ao brexit entre o Goberno británico e a Unión Europea, xusto antes de que a epidemia de coronavirus golpese Europa. A segunda reunión, prevista tres semanas despois, foi cancelada o 17 de marzo mediante un comunicado oficial do goberno británico, engadindo que se estaba explorando as posibilidades de levar a cabo as próximas conversacións a través de videoconferencia.Con todo, o Reino Unido e a UE intercambiaron varios borradores de textos legais como parte do proceso de negociación en curso.

Os equipos atópanse agora analizando estes textos e espéranse máis conversacións durante as próximas semanas. Os borradores inclúen unha proposta de acordo de libre comercio e varios anexos sobre seguridade aérea, transporte e industrias nucleares civís.

O período de transición posterior ao brexit esténdese ata o 31 de decembro de 2020. Ambas as partes teñen a posibilidade de acordar unha prórroga deste período por un ano ou dous, pero a decisión debe tomarse antes do 1 de xullo. A UE está aberta a esta posibilidade, xa que a pandemia converteuse na maior prioridade, pero o goberno británico segue afirmando que "a data do 31 de decembro de 2020 está consagrada na lexislación británica", e que só podería ser emendada polo Parlamento británico.

Antecedentes

Gran Bretaña deixou formalmente a Unión Europea o 31 de xaneiro pero, de acordo cos termos do acordo de saída, segue obrigado a cumprir coa lexislación europea durante o período transitorio, un prazo durante o cal a relación entre a UE e o Reino Unido segue funcionando sen cambios.

O período de transición está previsto que finalice o 31 de decembro de 2020, pero a UE e o Reino Unido poden acordar prorrogalo, só unha vez, durante un ou dous anos máis, sempre que se faga antes do 1 de xullo de 2020.

© Fundación Galicia Europa

ContactoAviso Legal