A octava ronda entre a Unión Europea e o Reino Unido tivo lugar en Londres durante os pasados días 8, 9 e 10 de setembro. Unhas negociacións que estiveron marcadas polo controvertido proxecto de lei proposto polo Reino Unido que violaría o dereito internacional.

Bruxelas, 15 de setembro de 2020. Durante a octava ronda de negociacións, a Unión Europea tratou de encontrar solucións ás liñas vermellas marcadas por Reino Unido, mostrando flexibilidade en puntos esencias da negociación como son o rol do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, a autonomía lexislativa do Reino Unido e a pesca. Sen embargo, a UE lamenta a falta de reciprocidade por parte de Reino Unido, constatando que aínda se manteñen grandes diferencias en áreas de vital interese.

Na súa declaración posterior, Michel Barnier afirma que o Reino Unido rexeita a inclusión de garantías de competencia xusta no acordo mentres por outro lado solicita un libre acceso ao mercado europeo. Pero esta non é a única materia paralizada que é relevante para a Unión Europea: faltan, por exemplo, garantías de que non se vai producir unha regresión das normas sociais, ambientais, laborais e climáticas na illa británica. Ademais, e sempre segundo Barnier, o Reino Unido tampouco mostra vontade de avanzar noutros temas importantes como son o establecemento dun mecanismo de resolución de conflitos, a introdución de garantías para a cooperación xudicial e a aplicación da lei, a pesca ou a introdución de requisitos de igualdade de condicións nos sectores de transporte e enerxía

Por outro lado, a UE pide máis claridade dadas as incertezas sobre o réxime sanitario e fito-sanitario do Reino Unido a partir do 1 de xaneiro do ano que vén, e así poder valorar a súa inclusión ou non na lista de terceiros países. Como resposta a esta dubida e a posibilidade de que poida crearse unha fronteira dura entre a UE e o Reino Unido, os ingleses puxeron en marcha un proxecto de lei de mercado único que a UE considera que vulneraría o Acordo de Retirada. Dito proxecto de lei agarda, entre outras medidas, cancelar a obrigación de presentar declaracións de exportación cando se trasladen mercancías de Gran Bretaña a Irlanda do Norte.

O argumento do Reino Unido baséase en que a UE ameaza con engadir barreiras ao mercado británico ao paralizar o transporte de produtos alimentarios dende Reino Unido ata Irlanda do Norte, o que para eles representaría unha violación do Acordo do Venres Santo (Belfast), así como que o Acordo de Retirada foi firmado moi rapidamente, concedendo un amplo marxe de manobra á Unión Europea.

Ante esta perspectiva, a UE está a prepararse para todos os escenarios posibles que poidan darse a partir do 1 de xaneiro de 2021 xa que a Cámara dos Comúns do Reino Unido votou a favor o proxecto de lei o pasado martes 22 de setembro.  

Sen embargo, por outro lado, é importante remarcar que os negociadores e os seus equipos están en contacto e, tal e como destacou David Frost, negociador do Reino Unido para o Brexit, hai un desexo mutuo de chegar a un acordo antes da metade de outubro.

Máis información: Comisión
Europea

© Fundación Galicia Europa

ContactoAviso Legal