• A novena ronda de negociacións entre a Unión Europea e o Reino Unido tivo lugar en Bruselas do 29 de setembro ata o 2 de outubro.
  • Nela houbo moitos avances e novidades positivas pero seguen existindo serias diverxencias en material de vital importancia para ambas partes.
  • As partes definiron as datas 15 e 16 de outubro como prazo para chegar a un entendemento e admitiron un prolongamento das negociacións ata novembro debido ao interese de ambas partes en chegar a un acordo.

Bruxelas, 05 de outubro de 2020. Tras celebrar un debate construtivo e respectuoso sobre as 11 materias de negociación, a Unión Europea e o Reino Unido observaron:

  • Puntos de converxencia: a maioría xa foran rexistrados en rondas anteriores. Particularmente en aspectos como o comercio de bens, servizos e investimentos, a cooperación civil e nuclear, e a participación nos programas da UE.
  • Novidades positivas en algunhas materias como son a seguridade da aviación, a coordinación da seguridade social e o respecto dos dereitos fundamentais e liberades individuais, condición previa para unha futura cooperación policial e xudicial en materia penal.
  • Falta de progreso: nalgúns temas importantes como a protección de datos persoais, os compromisos sobre o cambio climático ou a fixación dos prezos do carbono. No relativo á competencia xusta, incluída as axudas de Estado, o Reino Unido declarou que segue buscando un acordo que garanta a súa capacidade para establecer as súas propias leis dentro dos límites propios a un acordo de libre comercio.
  • Serias diverxencias persistentes en materias de especial relevancia para a UE como é a pesca, onde David Frost admite xa na súa declaración que “existe unha brecha moi grande que corre o risco de ser imposible de salvar”.

Ambos xefes de negociación están contentos cos avances acadados en materias como a aplicación da lei ou a estrutura de asociación xeral. Se ben David Frost admite que existen xa unhas liñas xerais para un acordo, Michel Barnier recalca que calquera acordo de asociación co Reino Unido require:

1. Garantías a largo prazo sólidas para unha competencia aberta e xusta: A nova asociación económica debe basearse en regras claras, que deben ser cribles e operativas. Iso require uns mecanismos de aplicación eficaces, en particular no relativo ás axudas estatais e un compromiso de non retroceder en materia de lexislación social, fiscal, ambiental e climática. Isto é completamente compatible coa autonomía regulamentaria e a soberanía de ambas partes.

2. Un marco de gobernanza eficiente, baseado nun acordo amplo con sólidos mecanismos de aplicación e de solución de controversias, así como recursos eficaces. Isto é aínda máis importante tras a introdución por parte do Goberno de Reino Unido do “proxecto de lei de Mercado Interior”, o cal incumpre as súas obrigas respecto do Acordo de Retirada e o Protocolo de Irlanda/Irlanda do Norte.

3. Un acordo pesqueiro a longo prazo que sexa estable e sostible no tempo, este acordo debería permitir ao Reino Unido seguir desenvolvendo as súas oportunidades de pesca e garantir, o uso sostible dos recursos, así como a protección das actividades dos pescadores europeos.

En palabras de Barnier, “para alcanzar un acordo, estas diverxencias deben necesariamente ser superadas nas próximas semanas”. Doutra banda, o Reino Unido, aínda que comprometido a traballar duro e encontrar solucións, móstrase preocupado dado o pouco tempo para resolver as cuestións antes do Consello Europeo do 15 de outubro.

Finalmente, o pasado 3 de outubro, a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, e o primeiro ministro británico, Boris Johnson, falaron sobre o estado actual das negociacións e a futura relación entre a UE e o Reino Unido. Ambos concordaron na importancia de chegar a un acordo que estipule unha base sólida para unha relación estratéxica entre ambas as partes no futuro e apoiaron o labor de ambos xefes negociadores. Malia os progresos das últimas semanas, os mandatarios constataron que aínda existen importantes lagoas nas esferas da pesca, a igualdade de condicións e a gobernanza, polo que instaron aos negociadores principais a traballar intensamente para tratar de superalos e acordaron falar de forma regular para abordar este tema.

Máis información:

Declaración
conxunta da Presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, e do Primeiro
Ministro do Reino Unido, Boris Johnson

Declaración
de Michel Barnier sobre a 9 ronda de negociacións para unha nova asociación entre
a UE e o Reino Unido

Declaración
de David Frost sobre a 9 ronda de negociacións.

© Fundación Galicia Europa

ContactoAviso Legal