• O acordo proporcionará estabilidade e continuidade ás frotas pesqueiras con totais admisibles de captura para o longo do 2021.  

Bruxelas, 7 de xuño de 2021. A UE e o Reino Unido concluíron a semana pasada as negociacións sobre un acordo que establece os límites de capturas para as poboacións de peixes xestionadas de maneira conxunta para o 2021. Este acordo ultimouse nunha chamada telefónica realizada o 2 de xuño entre o Comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevičius, e o Secretario de Estado de Medio Ambiente, Alimentación e Asuntos Rurais do Reino Unido, George Eustice.

Dito acordo cerra as primeiras consultas anuais sobre as posibilidades de pesca entre a UE e o Reino Unido no marco do Acordo de Comercio e Cooperación (ACC) entre a UE e o Reino Unido. Así, a conclusión satisfactoria das negociacións, que se iniciaron en xaneiro, crea unha base sólida para a continuación da cooperación no ámbito da pesca.

O acordo baséase na xestión das principais poboacións de peixes compartidas e garanteos dereitos de pesca das flotas da UE e o Reino Unido en ambas augas ata finais de 2021, tal e como prevé o ACC. Establece o total admisible de capturas (TAC) para 75 poboacións de peixes compartidas para 2021, así como para algunhas poboacións de augas profundas para 2021 e 2022. Ademais, aclara os límites de acceso para as especies non suxeitas a cotas. A firma do acordo, prevista para os próximos días, tamén permitirá a ambas as partes realizar intercambios de cotas.

O acordo fundamentouse no asesoramento científico sobre o estado das poboacións de peixes, facilitado polo Consello Internacional para a Exploración do Mar. Ten en conta importantes principios de sustentabilidade e xestión, como o rendemento máximo sostible e o criterio de precaución, esenciais tanto para a Política Pesqueira Común da UE como para as disposicións sobre pesca do ACC.

Como próximo paso, a Comisión proporá en breve ao Consello a incorporación deste acordo á lexislación da UE.

© Fundación Galicia Europa

ContactoAviso Legal