• A Unión deu de prazo ao goberno inglés ata o 30 de setembro para emendar o seu borrador da Lei de Mercado Interior.
  • Bruxelas iniciou hoxe un procedemento de infracción contra o Reino Unido por vulnerar os termos do acordo asinado en xaneiro que fixa as condicións do Brexit.

Bruselas, 1 de outubro de 2020. A Comisión Europea enviou hoxe ao Reino Unido unha carta de emprazamento polo incumprimento das súas obrigacións en virtude do establecido no Acordo de Retirada. Isto marca o comezo dun proceso formal de infracción contra o Reino Unido, que ten ata finais deste mes para responder.

O artigo 5 do Acordo de Retirada establece que a Unión Europea e o Reino Unido deben adoptar todas as medidas apropiadas para garantir o cumprimento das obrigacións derivadas do Acordo de Retirada, e que deben absterse de adoptar calquera medida que poida poñer en perigo o logro deses obxectivos. Polo tanto, ambas partes están obrigadas a cooperar de boa fe no cumprimento das tarefas derivadas do Acordo de Retirada.

O 9 de setembro de 2020, o Goberno do Reino Unido presentou un proxecto de lei ("Lei do mercado interior do Reino Unido") que, de aprobarse, violaría de maneira flagrante o Protocolo sobre Irlanda/Irlanda do Norte, xa que permitiría ás autoridades do Reino Unido facer caso omiso dos efectos xurídicos das disposicións substantivas do Protocolo en virtude do Acordo de Retirada. Os representantes do Goberno do Reino Unido recoñeceron esta violación ao declarar que o seu propósito era permitir que se apartara permanentemente das obrigas derivadas do Protocolo e non retirou as partes polémicas do proxecto de lei, a pesar das peticións da Unión Europea.

Ao facelo, o Reino Unido incumpriu a súa obrigación de actuar de boa fe. Ademais, puxo en marcha un proceso que, de ser aprobado o proxecto de lei, obstaculizaría a aplicación do Acordo de Retirada. En consecuencia, a Comisión iniciou hoxe un procedemento de infracción de conformidade coas disposicións do Acordo de Retirada.

Próximos pasos

O Reino Unido ten ata finais deste mes para presentar as súas observacións á carta de emprazamento. Despois de examinar estas observacións -ou se non se presentaron observacións- a Comisión pode, se procede, decidir emitir un ditame motivado.

Antecedentes

O Acordo de Retirada foi ratificado tanto pola UE como polo Reino Unido e entrou en vigor o 1 de febreiro de 2020, tendo efectos xurídicos en virtude do dereito internacional.

Tras a publicación do proxecto de lei sobre o mercado interior, o 9 de setembro de 2020, o vicepresidente Maros Šefčovič pediu que se celebrase unha reunión extraordinaria do Comité Mixto UE-Reino Unido para pedir ao Goberno do Reino Unido que explicara con máis detalle as súas intencións e respondera ás preocupacións da UE. Na reunión, o vicepresidente declarou que, de ser aprobado o proxecto de lei, constituiría unha violación sumamente grave do Acordo de Retirada e do dereito internacional. Polo que pediu ao Reino Unido que retirara esas medidas do proxecto de lei no prazo máis breve posible e, en calquera caso, antes de finais de setembro.

Na terceira reunión ordinaria do Comité Mixto, celebrada o 28 de setembro de 2020, Maroš Šefčovič volveu pedir ao Reino Unido que retirase as medidas controvertidas do proxecto de lei. Nesta ocasión, o goberno do Reino Unido confirmou a súa intención de seguir adiante co proxecto de lei.

O Acordo de retirada establece que durante o período de transición, o Tribunal de Xustiza da Unión Europea ten xurisdición e a Comisión ten as facultades que lle confire o dereito da Unión en relación co Reino Unido, tamén no que respecta á interpretación e aplicación do Acordo.

Fonte: Comisión Europea

© Fundación Galicia Europa

ContactoAviso Legal