O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou esta tarde por videoconferencia na 62ª reunión do pleno da Conferencia para Asuntos Relacionados coa Unión Europea (CARUE)

O Goberno galego solicita que se garanta a reprocidade no acceso ás augas e unha negociación plurianual das cotas de pesca en lugar da anual que propón Reino Unido cun acordo sectorial e independente

Reclama unha maior implicación das comunidades no plan de recuperación da Comisión Europea

Trasladoulle á ministra a petición conxunta acordada hoxe entre a Xunta e o Norte de Portugal para que os gobernos de España e Portugal habiliten máis pasos fronteirizos entre a Eurorrexión

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado polo director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe por videoconferencia na 62ª reunión do pleno da Conferencia para Asuntos Relacionados coa Unión Europea (CARUE), na que a Xunta solicitou ao Goberno central que defenda vincular o acordo de pesca ao de libre comercio nas negociacións do Brexit.

O Goberno galego pide que o acordo de retirada do Reino Unido da Unión Europea en materia de pesca se leve a cabo no marco dun acordo global vinculado ao comercio de bens que garanta a reciprocidade no acceso ás augas e cotas estables con negociacións plurianuais. A Xunta defende que esta proposta é a que mellor garante a defensa os intereses dos pescadores que faenan en augas británicas, dos que 1.700 traballan en buques galegos, a diferencia da opción de Reino Unido, cun acordo sectorial independente con negociacións anuais sobre as cotas.

Apertura de pasos fronteirizos entre Galicia e Portugal

Alfonso Rueda tamén demandou á ministra de Política Territorial e Función Pública, Carolina Darias, que presidiu a reunión, unha maior flexibilización por parte do Goberno central dos controis fronteirizos entre Galicia e o Norte de Portugal e comunicoulle que esta mesma mañá acordouse coa Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal (CCDR-N) realizar esta petición de forma conxunta aos Executivos de España e Portugal.

Así o acordaron o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e presidente da CCDR-N, Fernando Freire de Sousa, nun encontro no que tamén participaron o vicepresidente da Xunta e o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo. Ambas rexións solicitaron que dos 27 pasos entre entre Galicia e o Norte de Portugal se habiliten máis que os de Tui-Valença e Chaves-Verín, os únicos abertos na actualidade para a circulación de traballadores transfronteirizos e de mercadorías que concentran case o 60% do tráfico entre España e Portugal. En concreto, solicitarase que se abran tamén os pasos de Goián-Cerveira e de Salvaterra-Monção, xunto coa ponte internacional Ponte Barxas-São Gregorio.

O vicepresidente da Xunta tamén pediu que se permita ás comunidades participar no plan para a Recuperación da UE despois da pandemia aprobado onte pola Comisión Europea, tendo en conta que teñen competencias en obxectivos prioritarios para paliar a crise da covid-19 como o emprego, os servizos sociais ou o fomento I+D+i. Por iso, insta ao Goberno central a propiciar mecanismos para que as comunidades poidan participar neste proceso.

© Fundación Galicia Europa

ContactoAviso Legal