• O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe nos actos de conmemoración do 50 aniversario do Centro Galego de Londres

  • O Goberno galego creou un grupo interdepartamental para avaliar a incidencia deste proceso na comunidade galega e leva tempo a traballar neste ámbito coa súa participación no Foro Galego do Brexit ou a través dun grupo operativo na Comisión do Arco Atlántico

Londres, 27 de outubro de 2019.- O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, destacou hoxe en Londres o papel activo que está a levar a cabo a Xunta para avaliar e facer fronte aos posibles efectos que poida ter a saída do Reino Unido da Unión Europea na economía galega.

Jesús Gamallo lembrou, durante a súa intervención nos actos de conmemoración do 50 aniversario do Centro Galego de Londres, a creación dun grupo de traballo interdepartamental dentro da Xunta para avaliar a incidencia da comunidade galega da saída do Reino Unido da UE.

Unha das primeiras decisións deste grupo foi elaborar unha estratexia conxunta para mitigar os efectos do Brexit para as 1.700 persoas que faenan en buques galegos en augas británicas ou para as 500 empresas que exportan a este país, ademais de garantir os dereitos dos 14.000 galegos que residen en Reino Unido. Este grupo seguirá a aprobar as medidas necesarias para apoiar á cidadanía e ás empresas galegas que poidan verse afectadas, tanto nun escenario de retirada con acordo como no caso dun Brexit duro.

A Administración autonómica leva tempo a traballar na avaliación das consecuencias deste proceso en Galicia. Entre outras actividades, en 2018 impulsou a creación do Foro Galego do Brexit da Fundación Galicia Europa, un observatorio para fomentar o debate e o intercambio de información entre os principais actores económicos e sociais de Galicia.

O Goberno galego tamén puxo en marcha unha plataforma dixital, coordinada polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que permite ás empresas galegas avaliar a súa situación en relación aos impactos do Brexit. Nesta liña, no marco da estratexia conxunta do grupo interdepartamental dentro da Xunta, unha das medidas que se acordou foi que o Igape ofreza tamén servizos de consultaría fiscal, laboral, xurídica e administrativa ás empresas galegas.

Ademais, Galicia coordina o grupo operativo Brexit dentro da Comisión do Arco Atlántico, que reúne a 17 rexións de 5 estados costeiros do Atlántico co obxectivo de desenvolver unha cooperación rexional sólida para facer fronte ás posibles consecuencias negativas da saída do Reino Unido da Unión Europea.

Na reunión do pleno da Conferencia para Asuntos Relacionados coa Unión Europea (CARUE) de decembro de 2018 acordouse que as comunidades participasen como Puntos Focais Brexit para garantir o fluxo de información entre a Administración central e autonómica. Xa se celebraron varios encontros para tratar aspectos relacionados co Brexit e no último pleno, que tivo lugar o pasado setembro, abordouse o deseño de medidas de continxencia ante a retirada do Reino Unido da UE.

Centro galego de Londres

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE tamén destacou hoxe o importante traballo do Centro galego de Londres durante estes 50 anos ata converterse nun referente cultural e social no Reino Unido grazas ás actividades coas que difunden a cultura e o irmanamento de todos os galegos residentes no país británico.

Por iso, instou ao centro a ser un dos mellores embaixadores de Galicia en Reino Unido e manter ese labor de cara ao Xacobeo 2021 coa divulgación das vontades do Camiño de Santiago.

© Fundación Galicia Europa

ContactoAviso Legal