• O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, fai fincapé nun seminario organizado pola Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), que se achegará información e axudas para manter a posición das empresas galegas no Reino Unido
  • Lembra que este é o cuarto destino das vendas ao exterior da Comunidade, que logrou no 2020 o segundo mellor saldo comercial de España
  • Lamenta que o Goberno está comprometendo un proxecto de automoción en Cataluña antes da propia convocatoria de axudas, e demanda ao Goberno que traslade cales son os criterios
  • Ofrece a máxima colaboración desde a Xunta, “incluso participando nese modelo de consorcio público-privado que está anunciando”

Vigo, 8 de marzo de 2021. O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, sinalou hoxe durante a súa participación nun seminario sobre o Brexit organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia (CEP) en Vigo que este mes de marzo a Xunta abrirá unha antena en Londres para atender as demandas de información do tecido produtivo galego e que este poida manter o seu posicionamento no Reino Unido, que é o cuarto destino das exportacións galegas.

Xunto con este apoio sobre o terreo, a Oficina Brexit posta en marcha a través do Igape tamén contempla apoios como o Cheque Brexit, para cubrir servizos de consultoría, que se pode solicitar ata o 17 de maio cun orzamento dun millón de euros. Ademais, activouse unha plataforma de autodiagnóstico que permite ás empresas coñecer de forma personalizada o impacto do Brexit no seu día a día para poder anticiparse e adoptar as medidas oportunas. Ata o momento, 130 empresas galegas xa empregaron esta ferramenta, entre as que se identifica un nivel de exposición medio, o 43% da provincia de Pontevedra.

Esta plataforma complementa o servizo de atención permanente Brexit Igape Responde, que ofrece unha atención personalizada ás compañías galegas. A estas medidas de acompañamento súmanse accións de información e formación que se están desenvolvendo desde o Igape, como boletíns informativos e webinarios específicos.

Conde apuntou que no ano 2020 Galicia seguiu mantendo a súa posición de liderado desde o punto de vista das exportacións, lembrando que foi a segunda comunidade autónoma con mellor saldo exportador, remarcando que cómpre seguir traballando nesa dirección. Neste sentido, apuntou que o peche dun acordo para a saída do Reino Unido da Unión Europea é unha boa noticia porque “vai permitir que non teñamos que facer fronte a importantes aranceis, e que polo tanto os sectores máis importantes desde o punto de vista das exportacións, tanto o téxtil como a automoción, poidan manter esa posición de liderado xunto co sector agroalimentario nas vendas ao Reino Unido”.

O vicepresidente económico destacou que “temos un reto aínda pendente que é o sector pesqueiro”, e que “imos seguir mantendo esa demanda para que se poidan garantir as cotas que temos nestes momentos e que haxa unha estabilidade no posicionamento da frota pesqueira”.

Conde salientou que Pontevedra é a principal provincia desde o punto de vista da exportación, con 11.000 millóns exportados en 2020, subliñando que a colaboración coa CEP é fundamental para que o tecido produtivo poida continuar mantendo esa posición.

Planta de baterías

Con respecto ao anuncio dunha planta de baterías eléctricas para Cataluña, o vicepresidente económico remarcou que “o Goberno sorprendeu ao conxunto da automoción en España cunha decisión inédita: comprometer un proxecto antes da propia convocatoria de axudas”, sinalando que “está poñendo en evidencia o propio mandato da Comisión Europea”, que vincula o reparto dos fondos europeos ao diálogo e a cogobernanza, ao tempo que se garante a igualdade de oportunidades.

Lembrou que non se coñecen cales son os criterios que o propio Goberno vai establecer para a definición dos proxectos estratéxicos, e, ao mesmo tempo, “está comprometendo un proxecto de automoción en Cataluña cando temos dez comunidades autónomas que teñen fabricantes e que polo tanto poden estar en condicións de desenvolver un proxecto destas características”, lembrando que Galicia, onde PSA está desenvolvendo o coche autónomo e o coche eléctrico, ten unha candidatura moi solvente para poder optar a un proxecto destas características.

Á vista do sucedido, o vicepresidente económico sinalou que “o que precisamos é que o Goberno nos traslade cales son os criterios e as axudas que está disposto a comprometer” apuntando que desde a Xunta se ofrece “a máxima colaboración, incluso participando nese modelo de consorcio público-privado que está anunciando”, e que “a partir de aí Galicia poida competir en igualdade de condicións con respecto a outros territorios”.

Fonte: Xunta de Galicia

© Fundación Galicia Europa

ContactoAviso Legal