VO conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou esta mañá en Vigo, na xornada Os retos sociais do sector pesqueiro ante o brexit que a postura de Galicia para facer fronte ao brexit e reducir o seu impacto no sector é apoiar o acceso mutuo ás zonas pesqueiras e ao mercado garantindo a sustentabilidade.

No acto, no que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, e no que participou a secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Isabel Concheiro, Conde defendeu a necesidade de que todas as administracións e axentes implicados realicen un traballo conxunto para analizar os retos que plantexa o brexit e identificar medidas que poidan paliar os seus efectos e axudar a que o sector siga sendo líder europeo: “Únenos o mesmo obxectivo a todos e a mellor forma de abordar este proceso é traballar xuntos sabendo que o Estado vai defender os nosos intereses trasladando estabilidade e confianza ao noso tecido empresarial”, asegurou.

O conselleiro incidiu no impacto que pode ter o brexit, xa que estamos falando de case 130 buques de capital galego operando en Malvinas e Gran Sol e 1700 tripulantes, “o que se traduce nun impacto laboral, comercial pero tamén pode influír noutros sectores, como o naval”, subliñou.

O conselleiro explicou que a Xunta leva tempo traballando para facer fronte a esta situación que xera moitas incertezas, a través de informes e estudos; na busca de aliados a nivel europeo para reivindicar intereses comúns e con asesoramento personalizado a través dunha plataforma dixital. “Imos seguir estando co sector”, afirmou Conde quen puxo como exemplo a misión comercial da pasada semana a Arxentina, encabezada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, “trasladando apoio institucional, diplomático e comercial ao tecido produtivo galego” e na que se traballou en futuros acordos que poderán derivar en redución de aranceis para o sector e un mellor posicionamento para as empresas galegas á hora de renovar as frotas pesqueiras.

Fonte: Xunta de Galicia

© Fundación Galicia Europa

ContactoAviso Legal