• O fondo da Reserva de Axuste para o Brexit de 5.000 millóns de euros para superar as consecuencias da retirada do Reino Unido vén de dar un gran paso cara á súa adopción final despois de que o Consello e o Parlamento Europeo alcanzaran un acordo preliminar sobre o proxecto de regulamento

Bruxelas, 22 de xuño de 2021. O acordo sobre o fondo da Reserva de Axuste para o Brexit (BAR, polas súas siglas en inglés) significa que o financiamento do BAR pode empezar a desembolsarse antes de finais de ano. Trátase dun fondo deseñado para apoiar a todos os Estados membros, centrándose nas rexións e sectores máis afectados.

O fondo é un instrumento especial de carácter puntual que se destinará, entre outras cousas, a compensar ás empresas pola perda de comercio, preservar os postos de traballo, axudar ás comunidades pesqueiras e construír instalacións aduaneiras nos portos.

A principal condición para reembolsar ás autoridades públicas, así como ás empresas privadas, é que os custos incorridos deben estar directamente relacionados coa loita contra os efectos adversos da retirada do Reino Unido.

Os colexisladores acordaron que a reserva cubrirá total ou parcialmente as medidas introducidas polos Estados membros entre o 1 de xaneiro de 2020 e o 31 de decembro de 2023. Este prazo ten en conta a necesidade de adoptar medidas paliativas antes de que expire o período de transición.

Prefinanciamento

Os cinco mil millóns de euros asignaranse provisionalmente aos Estados membros por adiantado. Do importe total, o 80%, é dicir, 4.000 millóns de euros, desembolsaranse como prefinanciamento: 1.600 millóns de euros en 2021, 1.200 millóns de euros en 2022 e 1.200 millóns de euros en 2023.

Os 1.000 millóns restantes estarán dispoñibles en 2025. Repartiranse entre os Estados membros en función de como se gastou o financiamento nos anos anteriores, tendo en conta tamén as cantidades non utilizadas.

Asignación

O Brexit ten un impacto desigual nos Estados membros, as rexións e os sectores. Tendo isto en conta, os colexisladores acordaron que o método de asignación debería basearse en tres factores principais:

- o valor do peixe capturado na zona económica exclusiva do Reino Unido

- a importancia do comercio co Reino Unido

- a poboación das rexións marítimas fronteirizas co Reino Unido

En total, asignaranse 600 millóns de euros en función do factor vinculado á pesca, 4.150 millóns de euros en función do comercio e 250 millóns de euros en virtude do factor vinculado ás rexións marítimas fronteirizas.

Próximos pasos

O acordo preliminar entre a Presidencia portuguesa do Consello e os negociadores do Parlamento Europeo ten que ser referendado polo Consello e o Parlamento Europeo, antes de proceder á adopción do regulamento.

Máis información: Parlamento Europeo

© Fundación Galicia Europa

ContactoAviso Legal