O martes 16 de abril celebrouse en Estrasburgo o último pleno do Parlamento Europeo desta lexislatura no que se falou, entre outras cousas, da reunión extraordinaria do Consello Europeo sobre o artigo 50 do Tratado da Unión Europea.

A maioría dos europarlamentarios aplaudiron a decisión do pasado 10 de abril de ampliar ata o 31 de outubro a período para que o Reino Unido aprobe o Acordo de Retirada para así evitar que se produza unha retirada caótica. Esta ampliación debe ser aproveitada polo Reino Unido e en ningún caso debe considerarse unha mostra máis de incerteza que poida danar a imaxe da UE e das súas vindeiras eleccións ao Parlamento.

O Presidente do Consello Europeo, Donald Tusk, encomiou a decisión de que se ampliara este período máis do que solicitou Theresa May. Manifestou que esta prórroga trae consigo tres grandes vantaxes: por un lado isto garante que tódalas opcións continúen estando sobre a mesa, incluída a opción de que non se chegue a realizar a retirada, pola cal Tusk segue avogando. Outra vantaxe é que con esta prórroga o Reino Unido pode centrarse en outras prioridades que poida ter. Finalmente esta decisión facilita que se poida chegar a aceptar o Acordo. Ademais afirma que aínda que as negociacións sobre o Brexit se teñan alongado moito, isto non significa que haxa que resolvelas apresuradamente senón que deben xestionarse meticulosamente no tempo que sexa necesario.

Esta prórroga suscita que o Reino Unido teña que participar nas eleccións ao Parlamento convertendo aos deputados británicos electos en membros de pleno dereito. Tusk declarou a súa oposición á proposta de tratar ao Reino Unido como un país de segunda categoría para que os restantes 27 estados membros poidan traballar sobre cuestións futuras sen contar con él. É importante sinalar que se os británicos non participan nas devanditas eleccións a súa retirada será producida o 1 de xuño deste ano.

O Presidente da Comisión, Jean-Claude Juncker, mostrouse tamén favorable a esta prórroga e manifestou que se deu o tempo necesario para que o Reino Unido poida chegar a unha decisión concreta e sen que isto obstaculice a xestión doutros temas de igual importancia. Ademais afirmou que a Comisión traballará conxuntamente co Parlamento na implantación do acordo se finalmente se chega a aprobar.

© Fundación Galicia Europa

ContactoAviso Legal