• O Consello Europeo lembra que o período transitorio entre a UE e o Reino Unido finaliza o 31 de decembro do 2020 e observa con preocupación o bloqueo en materia de gobernanza, competencia xusta e pesca para poder chegar a un acordo antes do 31 de outubro.
  • Unha vez concluídas as negociacións oficiais, as chamadas “negociacións no túnel” revelan certos progresos en temas como a protección de datos ou a saúde pública.

Bruxelas, 27 de outubro de 2020. O Consello Europeo do pasado 15 de outubro abordou as actuais negociacións do Brexit e reafirmou a determinación de establecer unha asociación o máis estreita posible que respecte as orientacións e declaracións previamente acordadas, concretamente no que respecta a a igualdade de condicións, a gobernanza e a pesca.

Na declaración posterior á reunión, o presidente do Consello Europeo, Charles Michel, manifestou que a UE está decidida a chegar a un acordo, pero non a calquera prezo. Reiterou que non haberá acordo sen unha igualdade de condicións dado que ésta garante unha competencia leal e, de non ser respectada, poñería en risco centos de miles de empregos europeos. Os líderes europeos convidaron, daquela, a que prosigan as negociacións nas semanas seguintes, e pediu ao Reino Unido que dea os pasos necesarios para facer posible un acordo. Con respecto á Lei sobre o Mercado Interior, lembraron que o Acordo de Retirada e os seus Protocolos deben aplicarse plenamente e instaron a que Estados, institucións e todas as partes interesadas intensifiquen o seu labor na preparación para calquera tipo de desenlace, incluído o de non chegar a un acordo. O Consello Europeo tamén convidou á Comisión a que estude medidas de continxencia unilaterais e limitadas no tempo en interese da Unión.

Tras as últimas reunións con David Frost en Londres durante toda a semana do 19 de outubro, Michel Barnier afirmou que houbo verdadeiros progresos nunha serie de temas como son a cooperación policial e xudicial, a protección de datos e a extradición, entre outros. Pero tamén no transporte, a participación do Reino Unido en programas europeos como "Horizonte Europa" ou "Erasmus +", e a cooperación en asuntos de interese común como a saúde pública e a ciberseguridade.

Doutra banda, malia que aínda hai desacordos, están a empezar a concordar en materias como o comercio de bens e servizos, a enerxía e a seguridade social.

Así e todo , quedan tres cuestiones máis complexas nas que é necesario avanzar:

  • A igualdade de condicións: a UE constata que os británicos están dispostos a traballar sobre os principios fundamentais dun sistema de control da axuda estatal nun futuro acordo, en normas de non regresión e nun mecanismo de solución de controversias. Con todo, isto aínda non se reflectiu nas negociacións.

  • A gobernanza: a estrutura do acordo debe ser ampla e precísase un mecanismo de solución de controversias vinculante, cun sistema de sancións eficaz.

  • A pesca: a UE reitera que non haberá acordo económico sen unha solución sostible, xusta e equitativa para os pescadores de ambas partes, o que require un acceso recíproco e estable ás augas, e unha distribución xusta das cotas.

Nesta última semana, Barnier e David Frost reuniranse en Bruxelas para continuar coas chamadas “negociacións no túnel” co obxectivo de chegar a un acordo.

Desde o punto de vista británico, o primeiro ministro, Boris Johnson, ten un amplo respaldo para tratar de chegar a un acordo comercial coa UE , aínda que parte do seu partido siga avogando por un Brexit sen acordo. Johnson expreseou públicamente a súa intención de negociar unha relación comercial como a que mantén a UE con Canadá ou, como máximo, como a que ten con Australia, baseada en principios sinxelos de libre comercio mundial.

Máis información: Consello Europeo de 15 de outubro de 2020

Observacións do presidente Charles Michel tras a primeira sesión de traballo do Consello Europeo

Declaración de apertura de Michel Barnier na conferencia de prensa conxunta co presidente Michel tras a reunión do Consello Europeo do 15 de outubro de 2020

Declaración do primeiro ministro británico, Boris Johnson, sobre as negociacións coa UE.

Discurso de Michel Barnier na sesión plenaria do Parlamento Europeo

© Fundación Galicia Europa

ContactoAviso Legal