O pleno do PE examinou o xoves co negociador xefe comunitario para o brexit, Michel Barnier, o acordo de retirada de Reino Unido da UE.

Os eurodeputados membros do grupo de coordinación do PE para o brexit destacaron a gravidade do momento na súa análise das conclusións do Consello Europeo extraordinario no que os xefes de Estado ou de Goberno confirmaron o seu apoio ao acordo con Londres para a saída e á declaración política sobre a futura relación bilateral.

O acordo de retirada é “o único e mellor pacto posible tendo en conta as liñas vermellas do Goberno británico e os principios fundacionais da UE: integridade do mercado único, indivisibilidad das catro liberdades e a autonomía do proceso de decisión da UE”, recalcou Guy Verhofstadt (ALDE, Bélxica), o coordinador do PE para o brexit.

“É a hora da ratificación en Reino Unido, o Parlamento Europeo e o Consello”, sinalou Barnier. “Saír da UE non pode significar que as cousas sigan como están, non hai valor engadido nesta negociación”, pero destacou que o acordo permitirá unha saída ordenada. Barnier explicou que a declaración política aprobada o domingo achanda o camiño para unha ambiciosa cooperación no futuro de “alcance sen precedentes”.

Tal e como establece o artigo 50 do Tratado da UE, o Parlamento Europeo deberá pronunciarse sobre o acordo de retirada antes da votación final no Consello. A votación no pleno terá lugar a principios de 2019.

Fonte: Parlamento Europeo

© Fundación Galicia Europa

ContactoAviso Legal