• O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu en Vigo á xornada "Brexit e EEUU: novo escenario das relacións comerciais internacionais" organizada pola Fundación Galicia Europa e o IGAPE.
  • Aposta por converter estes retos en oportunidades a través da apertura cara a novos mercados e da diversificación de produtos.
  • Conde chama á unidade para asegurar a estabilidade e confianza do tecido empresarial galego.
  • A Xunta ten a disposición das empresas que exportan ao Reino Unido unha plataforma de asesoramento e unha xanela na que poden facer as súas consultas, ademais do cheque Brexit que se activará tras a saída do país británico da Unión Europe

Vigo, 25 de outubro de 2019. O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu esta mañá en Vigo á xornada "Brexit e EEUU: novo escenario das relacións comerciais internacionais", organizada conxuntamente pola Fundación Galicia Europa e o IGAPE, na que subliñou que a prioridade da Xunta é blindar a estabilidade das empresas galegas para manter a súa proxección internacional.

Así, Conde puxo en valor o tecido empresarial galego e destacou que, co apoio da Xunta, está sabendo anticiparse para paliar os efectos que poderían ter sobre a economía galega tanto un posible Brexit sen acordo como as relacións con Estados Unidos.

O conselleiro de Economía da Xunta explicou que o Reino Unido ten que seguir sendo un dos principais aliados comerciais de Galicia a través das 500 empresas exportadoras do eido téxtil, da automoción, do sector conserveiro ou do pesqueiro. Lembrou o plan de continxencia posto en marcha polo Goberno galego a través de estudos, informes e a busca de aliados e rexións afíns e no que destaca a plataforma dixital de asesoramento a disposición das empresas galegas. Ademais, porase en marcha o cheque Brexit -para apoiar as empresas que exportan ao Reino Unido- unha vez se confirme a saída do país británico da Unión Europea.

Con respecto a Estados Unidos incidiu nas boas relacións comerciais e lembrou a colaboración acordada co Condado de Miami Dade para explorar novas vías de intercambio comercial en sectores como o turismo e o contract; ademais do compromiso da empresa Boeing co desenvolvemento do sector aeronáutico galego.

Conde defendeu que Galicia debe converter estes retos en oportunidades xa que as empresas galegas son as grandes embaixadoras da marca Galicia Calidade e subliñou o esforzo por abrir novos mercados -con misións comerciais nos últimos anos a México, China, Israel ou Arxentina- e pola diversificación de produtos. Francisco Conde finalizou chamando á unidade para asegurar a viabilidade e confianza do tecido empresarial galego.

Análise das relacións comerciais de Galicia con Reino Unido e os EEUU

Ademais da intervención do conselleiro de Economía, este 7º acto do Foro Galego do Brexit contou coa participación doutros actores vencellados ao tecido empresarial galego e ao sector profesional das relacións internacionais: 

O primeiro en intervir foi Antonio Hernández, socio da asesoría e consultora KPMG España, quen presentou o Brexit como un reto máis nun entorno no que cambiou a operativa das empresas, destacando a posibilidade de ver a saída británica da UE como un paquete de novas oportunidades. Na mesma liña entorno ao Brexit se expresaron   Javier Touza, presidente da Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo, e Juan Vieites, secretario xeral de ANFACO; ao destacar o peso específico das exportacións galegas no mercado británico e presentar a retirada do Reino Unido da Unión como unha ocasión para poder estreitar vínculos e construir un novo marco de relacións. Pola súa parte, Jorge Dezcallar, diplomático e ex embaixador de España en EEUU, analizou a situación actual co país norteamericano e as súas boas relacións comerciais con Galicia.  

Foro Galego do Brexit

O Foro Galego do Brexit é unha iniciativa da Fundación Galicia Europa destinada a recompilar e difundir información relevante para aquelas institucións, sectores empresariais e cidadáns galegos que poidan verse afectados polas repercusións do Brexit nas súas actividades laborais ou persoais.

Para tal propósito, o Foro ofrece unha recompilación do avance das negociacións, e fomenta o intercambio de información e opinións entre os principais actores económicos e sociais de Galicia a través da realización de diversos actos como seminarios, debates ou conferencias. O Foro foi inaugurado en abril de 2018 en Santiago de Compostela polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e do Embaixador Representante Permanente de España ante a Unión Europea, Pablo García-Berdoy.

Este sétimo evento do Foro Galego do Brexit tamén serviu para dar a coñecer a nova sección da súa web, Respostas Brexit, a cal ofrecerá á cidadanía e empresas de Galicia a información máis actualizada e completa sobre a influencia e repercusións do Brexit.

© Fundación Galicia Europa

ContactoAviso Legal