• Tras varias reunións celebradas entre os copresidentes do Comité Mixto UE-Reino Unido, chegouse a un acordo no relativo a aplicación do Acordo de Retirada e, máis especificamente, en relación co Protocolo sobre Irlanda e Irlanda do Norte

© European Commission

Bruxelas, 12 de decembro de 2020. Os copresidentes do Comité Mixto UE-Reino Unido (Maroš Šefčovič, vicepresidente da Comisión Europea, e Michael Gove, chanceler do Ducado de Lancaster do Reino Unido) celebraron o 7 de decembro unha reunión política para abordar as cuestións pendentes relacionadas coa aplicación do Acordo de Retirada. É esencial garantir que o Acordo de Retirada, en particular o Protocolo sobre Irlanda e Irlanda do Norte, forneza plenos efectos ao final do período transitorio, é dicir, a partir do 1 de xaneiro de 2021. O Protocolo protexe o Acordo do Venres Santo (Belfast) en todas as súas dimensións, mantendo a paz, a estabilidade e a prosperidade na illa de Irlanda.

Tras o intenso e construtivo traballo realizado durante as últimas semanas pola UE e o Reino Unido, os dous copresidentes poden anunciar agora o seu acordo de principio sobre todos os capítulos, en particular en relación co Protocolo sobre Irlanda e Irlanda do Norte.

Chegouse a un acordo de principio nos seguintes ámbitos, por exemplo: postos de control fronteirizo e puntos de entrada específicos para os controis de animais, plantas e produtos derivados, declaracións de exportación, subministración de medicamentos, subministración de carne refrixerada e outros produtos alimenticios aos supermercados, e aclaración sobre a aplicación das axudas estatais conforme o disposto no Protocolo.

As partes tamén alcanzaron un acordo de principio sobre as decisións que o Comité Mixto debe adoptar antes do 1 de xaneiro de 2021. Trátase, en particular, das disposicións prácticas relativas á presenza da UE en Irlanda do Norte cando as autoridades do Reino Unido leven a cabo comprobacións e controis en virtude do Protocolo; a determinación dos criterios para considerar que non existe risco de que as mercadorías entren na UE cando se trasladen de Gran Bretaña a Irlanda do Norte; a exención das subvencións agrícolas e pesqueiras das normas sobre axudas estatais; a finalización da lista de presidentes da comisión de arbitraxe para o mecanismo de solución de diferenzas, de modo que esta comisión poida empezar a funcionar a partir do ano próximo, e a corrección de erros e omisións do anexo 2 do Protocolo.

Á vista do consenso acerca destas solucións, o Reino Unido retirará as cláusulas 44, 45 e 47 do proxecto de lei do mercado interior do Reino Unido relativas ao comercio internacional e a seguridade das inversións, e non introducirá ningunha disposición similar no proxecto de lei fiscal.

Seguintes etapas:

Este acordo de principio e os proxectos de textos resultantes quedan agora suxeitos aos respectivos procedementos internos da UE e do Reino Unido. Unha vez superados estes, convocarase unha quinta reunión ordinaria do Comité Mixto UE-Reino Unido para a adopción formal, o que se producirá nos próximos días e antes de que finalice o ano.

Máis información: Comisión Europea

© Fundación Galicia Europa

ContactoAviso Legal