• Este grupo, creado no seo do Comité Europeo das Rexións, ten por obxectivo manter os estreitos vínculos creados ao longo dos anos entre os dirixentes locais e rexionais, amortecer o impacto do Brexit e protexer a cooperación en interese dos seus cidadáns.

© European Union/Nuno Rodrigues

Bruxelas, 1 de decembro de 2020. O Comité Europeo das Rexións (CdR) puxo en marcha un Grupo de Contacto co Reino Unido destinado a manter liñas de comunicación entre os entes locais e rexionais da UE e as cidades, rexións e administracións descentralizadas do Reino Unido. A iniciativa prodúcese despois de que o Reino Unido abandonase a UE o 31 de xaneiro de 2020.

A primeira reunión do Grupo de Contacto, celebrada por videoconferencia o 22 de setembro, tivo carácter preparatorio e estivo limitada a políticos dos vinte e sete Estados da UE. Os presidentes rexionais, alcaldes e concelleiros asistentes escoitaron as intervencións de Michel Barnier, negociador principal da UE, e Kati Pirim coponente do Parlamento Europeo para as negociacións sobre unha nova asociación co Reino Unido.

O presidente do CdR, Apostolos Tzitzikostas, asegurou que os gobernos locais e rexionais serán os primeiros en experimentar as consecuencias da negociación, o que podería frear a recuperación e ameazaría a paz na illa de Irlanda.

O Grupo de Contacto está presidido por Loïg Chesnais-Girard, presidente do Consello Rexional de Bretaña, e reunirase ata tres veces ao ano para debater cuestións relacionadas co comercio, a circulación de mercadorías, persoas e servizos, e os métodos para manter a cooperación transfronteiriza. Os doce membros do CdR que forman parte do Grupo de Contacto teñen un mandato fixo, mentres que os representantes británicos dos entes locais e os parlamentos e asembleas descentralizados variarán dunha reunión a outra en función dos temas que se debatan.

 En función da orde do día, o Grupo de Contacto convidará ás súas reunións a representantes dos gobernos locais e as asembleas e parlamentos descentralizados do Reino Unido así como tamén poderá aceptar invitacións de gobernos locais ou asembleas e parlamentos descentralizados do Reino Unido para organizar reunións nese país.

Na segunda reunión do Grupo de Contacto interveu Joan Calabuig, secretario autonómico para a UE e Relacións Externas da Generalitat Valenciana en representación do presidente Ximo Puig, único membro da delegación española do CdR que integra este novo Grupo de Contacto. Na súa intervención, afirmou que é esencial garantir reciprocamente os dereitos fundamentais de todos os europeos en Reino Unido e de todos os británicos en Europa, ademais da súa calidade de vida. Por este motivo é necesario que existan facilidades para manter a actividade turística e que non se establezan trámites e requisitos que poidan disuadir aos visitantes. Referíndose ao comercio internacional, Joan Calabuig resaltou as importantes relacións que mantén a Comunidade Valenciana co Reino Unido no sector agroalimentario e do automóbil, para as que hai que evitar que aparezan barreiras técnicas e aduaneiras que incrementen os custos e dificulten os intercambios. Calabuig concluíu desexando que se produza un acordo que permita unha relación razoable e que cause os menores prexuízos posibles ás partes, resaltando a necesidade de activar medidas compensatorias se o acordo -ou a falta do mesmo- tivese impactos nestes ámbitos económicos e sociais.

Nesta reunión tamén participaron representantes de Inglaterra, Gales, Escocia, Irlanda do Norte e Xibraltar. Nunha parte da reunión limitada aos políticos da UE, o presidente do Grupo de Coordinación UE-Reino Unido do Parlamento Europeo, David McAllister, puxo ao día aos membros do CdR sobre a perspectiva do PE en torno ao avance das negociacións.

Finalmente, o CdR fixo fincapé na necesidade de que a nova reserva de axuste ao Brexit, un instrumento de 5 000 millóns de euros para os Estados membros e os sectores máis prexudicados polo Brexit, comece a funcionar canto antes.

Máis información: Comité das Rexións

Dirixentes locais e rexionais da UE e do Reino Unido reúnense nun novo Grupo de Contacto

© Fundación Galicia Europa

ContactoAviso Legal