Tras catro anos de negociacións, a UE e o Reino Unido chegaron a un acordo sobre as condicións da cooperación entre ambas partes, unha vez que a illa británica está fóra da UE a todos os efectos

        Agora corresponde ao Parlamento Europeo dar o seu consentimento sobre este acordo e ao Consello adoptar unha decisiónpara que poida entrar plenamente en vigor

Bruxelas, 11 de xaneiro de 2021. A Comisión Europea chegou o 24 de decembro de 2020 a un acordo co Reino Unido sobre os termos da súa futura cooperación coa UE. Un acordo que foi firmado polo presidente do Consello Europeo, Charles Michel, e a presidenta da Comisión, Ursula von der Leyen, seis días despois, e que consta de tres piares principais:

  • Un acordo de libre comercio: O acordo abarca o comercio de bens e servizos e unha ampla gama doutras áreas de interese para a UE, como o investimento, a competencia, as axudas estatais, a transparencia fiscal, o transporte aéreo e por estrada, a enerxía e a sustentabilidade, a pesca, a protección de datos e a coordinación da seguridade social. Trátase dun acordo que vai máis aló dos recentes acordos de libre comercio da UE con outros terceiros países xa que establece aranceis e continxentes nulos para todas as mercadorías que cumpran as normas de orixe correspondentes.

Ambas as partes comprometéronse a garantir unhas condicións de competencia equitativas e sólidas mantendo uns niveis elevados de protección en ámbitos como o medio ambiente, a loita contra o cambio climático e a fixación dos prezos do carbono, os dereitos sociais e laborais, a transparencia fiscal e a axuda estatal, un mecanismo vinculante de solución de controversias e a posibilidade de que ambas partes adopten medidas correctivas.

En relación coa pesca, as partes acordaron un novo marco para a xestión das cotas de pesca nas súas augas, podendo o Reino Unido seguir desenvolvendo as súas actividades pesqueiras, á vez que se salvagardan as actividades e os medios de vida das comunidades pesqueiras europeas e se preservan os recursos naturais. Isto é así dado que o acordo establece que os buques pesqueiros europeos seguirán tendo acceso ás augas do Reino Unido durante un período de transición de 5 anos no que haberá unha redución gradual ata o 25% das cotas de pesca da UE en augas británicas.

Unha vez rematado dito período transitorio, a UE e o Reino Unido celebrarán consultas anuais para acordar as oportunidades de pesca con miras á ordenación sostible da mesma e os recursos mariños, preservando ao mesmo tempo as actividades e os medios de vida das comunidades pesqueiras que dependen desas augas e recursos.

En canto ao transporte, o acordo prevé unha conectividade continua e sostible por aire, estrada, ferrocarril e mar, aínda que o acceso ao mercado está por baixo do que ofrece o Mercado Único. Inclúe disposicións para garantir que a competencia entre os operadores das partes se leve a cabo en igualdade de condicións, de modo que os dereitos dos pasaxeiros, dos traballadores e a seguridade do transporte non se vexan menoscabados. En canto á enerxía, o acordo proporciona un novo modelo para o comercio e a interconectividade, con garantías para unha competencia aberta e xusta, incluíndo normas de seguridade para a produción de enerxía renovable no estranxeiro. No relativo á coordinación da seguridade social, o acordo ten por obxecto garantir os dereitos dos cidadáns da UE que traballan, viaxan ou se trasladan ao Reino Unido, e dos nacionais británicos que traballan, viaxan ou se trasladan á UE despois do 1 de xaneiro de 2021.

Por último, o acordo permite que o Reino Unido siga participando en cinco programas emblemáticos da UE para o período 2021-2027 (con suxeición a unha contribución financeira ao orzamento da UE): Horizonte Europa, Copernicus, o Programa de Investigación e Formación de Euratom, a instalación de probas de fusión do ITER e o acceso aos servicios de vixilancia e seguimento espacial (VSE) da UE.

  • Unha nova asociación para a seguridade dos cidadáns: O Acordo establece un novo marco para a  cooperación policial e xudicial en asuntos de dereito penal e civil, recoñecendo a necesidade dunha sólida cooperación entre as autoridades policiais xudiciais nacionais para combater e perseguir a delincuencia e o terrorismo transfronteirizos, e crea novas capacidades operativas, tendo en conta o feito de que o Reino Unido non terá as mesmas facilidades que antes. A cooperación en materia de seguridade pode suspenderse no caso de que o Reino Unido incumpra o seu compromiso de seguir adheríndose ao Convenio Europeo de Dereitos Humanos e á súa aplicación interna.
  • Un capítulo específico sobre a gobernanza: O acordo proporciona claridade sobre a forma en que se operará e controlará o mesmo para dar a máxima seguridade xurídica ás empresas, os consumidores e os cidadáns. Crearase un “Consello de Asociación Conxunta”, que velará por que o acordo se aplique e interprete correctamente. O acordo contempla mecanismos vinculantes de aplicación e solución de controversias que teñen por obxectivo garantir que as empresas da UE e o Reino Unido compitan en igualdade de condicións, así como evitarán que calquera das partes utilice a súa autonomía normativa para conceder subvencións inxustas ou distorsionar a competencia. Ambas as partes poden tomar represalias en caso de violacións do acordo, as cales se aplican a todos os ámbitos da asociación económica.

A política e seguridade exterior e a cooperación en materia de defensa non están cubertas polo Acordo, xa que o Reino Unido non quixo negociar este asunto. Por conseguinte, dende o 1 de xaneiro de 2021, non hai ningún marco establecido entre as partes para elaborar e coordinar respostas conxuntas aos problemas de política exterior como a imposición de sancións a nacionais ou economías de terceiros países.

Mesmo co novo acordo hai grandes cambios dende o 1 de xaneiro xa que o Reino Unido deixou o Mercado Único e a Unión Aduaneira, así como todas as políticas da UE e acordos internacionais. A libre circulación de persoas, bens, servizos e capitais entre as partes terminou, o que crea barreiras ao comercio, á mobilidade e aos intercambios transfronteirizos en ambas as direccións.

O Acordo de Retirada segue vixente, protexendo entre outras cousas os dereitos dos cidadáns da UE e os nacionais do Reino Unido, os intereses financeiros da UE e a paz e a estabilidade na illa de Irlanda. A raíz da última reunión do Comité mixto UE-Reino Unido, celebrada o 17 de decembro, Reino Unido aceptou retirar as cláusulas polémicas do seu proxecto de lei sobre o mercado interior e comprometeuse a non introducir ningunha disposición similar no seu proxecto de lei fiscal. 

Aplicación provisional ata finais de febreiro

O Consello adoptou o pasado 29 de decembro unha decisión que autorizou á firma do acordo por ambas partes e a súa aplicación provisional dende o 1 de xaneiro. Nesta liña é importante mencionar que debido a tardía conclusión das negociacións, a Comisión propuxo aplicar o acordo de forma provisional ata o 28 de febreiro de 2021, co obxectivo de non comprometer o dereito do PE ao control democrático.

Por conseguinte, queda agardar que o Parlamento Europeo dea o seu consentimento ao mesmo e, unha vez concluído devandito proceso, que o Consello adopte unha decisión sobre a conclusión do acordo.

Finalmente, a ratificación posterior por parte dos 27 Estados membros non será necesaria xa que a Comisión considera que o acordo pode celebrarse como uno exclusivo da UE dado que só abarca ámbitos que son competencia da Unión -xa sexa exclusiva ou compartida cós Estados membros-.

Máis información: Comisión Europea

Folleto sobre a nova relación comercial UE-RU

Acordo de comercio e cooperación entre a UE e o Reino Unido

Firma do acordo entre a UE e o Reino Unido, 30 de decembro 2020

O Consello adopta unha decisión sobre a firma do Acordo de comercio e cooperación entre a UE e o Reino Unido.

© Fundación Galicia Europa

ContactoAviso Legal