Bruxelas, 1 de xuño de 2021. Os cidadáns da UE e os membros da súa familia que estivesen vivindo no Reino Unido desde antes do 31 de decembro de 2020 e que queiran seguir vivindo, traballando e estudando no Reino Unido teñen que solicitar o EU Settlement Scheme antes do 30 de xuño de 2021. Solicitalo tarde pode supoñer a perda temporal de dereitos, como o acceso á sanidade ou o dereito ao traballo e non solicitalo en absoluto supoñerá a perda permanente destes dereitos.

Tras a decisión do Reino Unido de abandonar a Unión Europea, a liberdade de circulación terminou o 31 de decembro de 2020. Aqueles cidadáns da UE e os membros da súa familia que chegaron ao Reino Unido antes desa data, e que queren estar protexidos polo Acordo de Retirada para permanecer legalmente no Reino Unido, teñen que solicitar o Plan de Asentamento da UE (EU Settlement Scheme). As consecuencias de non solicitalo poden ser graves. En principio, as persoas que non o soliciten perderán os seus dereitos para traballar, estudar, alugar unha vivenda, acceder á asistencia sanitaria e aos servizos sociais ou abrir unha conta bancaria. Os que presenten a solicitude fóra de prazo perderán temporalmente estes dereitos ata que se lles conceda o estatuto.

Para solicitalo, podes acceder á seguinte ligazón: http://gov.uk/eusettledstatus

Como complemento á actual campaña de comunicación das autoridades británicas, a Delegación da Unión Europea no Reino Unido, xunto coas embaixadas da UE e as organizacións de apoio aos cidadáns, fan actividades de divulgación, especialmente dirixidas aos cidadáns que poden necesitar axuda para presentar a súa solicitude.

Máis información: Delegación da UE no Reino Unido

© Fundación Galicia Europa

ContactoAviso Legal