• O Reino Unido seguirá aplicando o Protocolo sobre Irlanda e Irlanda do Norte a partir do 1 de outubro
  • O representante británco xustifica esta decisión na necesidade de dar certa seguridade e estabilidade ás empresas

Bruxelas, 16 de setembro de 2021. O pasado 6 de setembro, o antigo xefe negociador do Brexit do Reino Unido, David Frost, explicou no seu discurso parlamentario que, para dar seguridade e estabilidade ás empresas, o Goberno británico seguirá aplicando o Protocolo de Irlanda e Irlanda do Norte sobre a base actual, o que inclúe os períodos de graza e as servidumes actualmente en vigor.

Desde a Unión Europea toman nota da declaración ministerial do Reino Unido e insisten en que o Acordo de Retirada é un acordo internacional e que o Protocolo forma parte integrante do mesmo, polo que ambas as partes están xuridicamente vinculadas ao cumprimento das obrigacións que lles impón.

Igualmente, desde a Comisión Europea, manifestan que seguen buscando solucións a longo prazo, flexibles e funcionais aos problemas que están a experimentar os cidadáns e as empresas de Irlanda do Norte derivados da aplicación do Protocolo, pero que non accederán a unha renegociación do mesmo xa que, no seu formato actual,  é suficiente para asegurar a estabilidade e seguridade da zona, así como para protexer o mercado único. O protocolo actual, segundo a UE, debe servir a ás empresas e cidadáns de Irlanda do Norte a acceder plenamente ao Mercado Único.

Por último, a Comisión Europea lembra o seu dereito a emprender novos procedementos de infracción, mesmo se, polo momento, non avanzou no procedemento xa iniciado no mes de marzo.

Contexto 

O Protocolo sobre Irlanda e Irlanda do Norte é a solución conxunta que a UE atopou co Primeiro Ministro Boris Johnson e David Frost -e que foi ratificada polo Parlamento do Reino Unido- para facer fronte aos singulares retos do Brexit. O seu obxectivo é protexer o Acordo de Venres Santo (Belfast) en todas as súas partes, mantendo a paz e a estabilidade en Irlanda do Norte, evitando unha fronteira dura na illa de Irlanda e preservando a integridade do mercado único da UE.

Os períodos de graza xa foron ampliados con anterioridade en dúas ocasións: primeiro, en marzo, nunha decisión unilateral do Reino Unido, e despois, en xullo, cando ambas as partes evitaron a prohibición da importación de produtos cárnicos refrixerados que entraban en Irlanda do Norte desde Gran Bretaña.

Máis información: Comisión EuropeaDeclaración de David Frost, antiguo jefe negociador del Brexit del Reino Unido, sobre el Protocolo de Irlanda e Irlanda del Norte

© Fundación Galicia Europa

ContactoAviso Legal