Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2019. A Xunta de Galicia, en colaboración co Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, organiza o vindeiro luns 18 de febreiro ás 9.15 horas unha nova xornada do Foro Galego do Brexit baixo o nome ”Galicia ante o Brexit: Perspectivas, retos e oportunidades para as empresas galegas”.

O encontro terá lugar na Cidade da Cultura (salón de convencións, edificio Cinc) en Santiago de Compostela e contará coa participación de representantes do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, do ICEX España Exportación e Inversións, da embaixada do Reino Unido en España e da Comisión Europea.

O director de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo, moderará o segundo panel do evento sobre o estado actual das negociacións e a situación futura.

Ao longo da xornada, que ten como obxectivo axudar ás pemes galegas a afrontar a saída do Reino Unido da Unión Europea, darase a coñecer o informe ”A empresa española e galega ante o Brexit. Como prepararse”.

Ademais, debaterase sobre o estado actual das negociacións, así como das consecuencias da proposta de acordo transitorio en sectores estratéxicos e o seu impacto na economía galega.

As inscricións na xornada deben tramitarse a través do seguinte correo electrónico: comunicacion@igape.es

Pode consultar aquí o programa completo do evento.

© Fundación Galicia Europa

ContactoAviso Legal