• A secretaria xeral técnica da Consellería do Mar lamenta a incerteza existente sobre este proceso e lembra que a Xunta sempre defendeu a necesidade dun acordo de saída entre as partes
  • En caso de que non haxa acordo, a comunidade xa lle propuxo ao Goberno do Estado que adopte as medidas necesarias para que a frota de bandeira británica e capital galego que faena en Gran Sol poida seguir operando en portos galegos
  • Portos de Galicia aclara que en 2020 está prevista a licitación da execución do balizamento dos accesos aos portos de Corme, Muros e Noia

Santiago, 22 de novembro de 2019.- A secretaria xeral técnica, Isabel Concheiro, detallou hoxe no Parlamento todas as xestións realizadas pola Consellería do Mar e pola Xunta na defensa dos intereses do sector pesqueiro galego ante o brexit e lembrou que o Executivo autonómico se puxo a traballar desde o minuto un para obter o maior número de argumentos na defensa dos intereses da frota galega e para minimizar o impacto deste proceso inédito en Europa. Neste sentido, Galicia defende a necesidade de contar con plans de continxencia que inclúan a concesión de axudas á frota afectada por unha posible paralización da actividade en caso dun divorcio abrupto e que se estude a posibilidade de destinar a parte do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) non empregada en anos pasados a achegas para minorar o impacto do brexit.

Trátase dunha medida que a conselleira do Mar, Rosa Quintana, xa lle trasladou á Comisión Europea e que defendeu recentemente nunha sesión extraordinaria sobre o brexit e a pesca celebrada no marco da asemblea xeral da Comisión do Arco Atlántico en Portugal e que dá continuidade ao traballo realizado nos últimos meses neste sentido.

Isabel Concheiro destacou que a Consellería do Mar conta xa con varios informes que avalían as consecuencias do brexit para a pesca galega e o xeito de minimizar o posible impacto en cada pesqueira, pero ten encargado outro estudo ao Instituto Universitario de Estudos Europeos Salvador de Madariaga, da Universidade da Coruña, que se enfocará unha vez que o Reino Unido dea os pasos definitivos para abandonar a Unión Europea.

Neste sentido, a secretaria xeral técnica lamentou a incerteza que prevalece aínda neste proceso e lembrou que a Xunta tamén buscou da man do sector alianzas con outras rexións e estados membros para facer fronte ao brexit ao tempo que creou unha plataforma dixital que xa ofreceu asesoramento personalizado a máis dun cento de empresas afectadas por este procedemento de desconexión do Reino Unido da UE.

Nesta liña, a representante da Consellería do Mar incidiu en que Galicia sempre defendeu a necesidade de contar cun acordo de saída no que a negociación de acceso aos recursos pesqueiros do Reino Unido estea condicionada polo seu acceso ao mercado europeo. En caso de que ese acordo non se producise, a Xunta xa lle propuxo ao Goberno do Estado adoptar as medidas necesarias para que os barcos de bandeira británica e capital galego que faenan no Gran Sol poidan seguir operando con normalidade en portos de Galicia.

Fuente: Xunta de Galicia

© Fundación Galicia Europa

ContactoAviso Legal