14,00 h.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, manterá un encontro co director do Instituto Universitario de Estudos Europeos Salvador de Madariaga, José Manuel Sobrino. No despacho da conselleira (2º andar, enriba da cafetería). Foto Xoán Crespo 22/05/2019

A Consellería do Mar e o Instituto Universitario de Estudos Europeos Salvador de Madariaga analizan os posibles escenarios do brexit ante a súa indefinición e as eleccións europeas

Galicia defende a necesidade de adoptar medidas precautorias por parte da Unión Europea co obxectivo de protexer os intereses marítimo-pesqueiros ante o brexit. A comunidade galega insiste na necesidade destas medidas durante a prórroga para a saída do Reino Unido da UE que vai ata o 31 de outubro de 2019.

Así o reflicte a opinión xurídica do director do Instituto Universitario de Estudos Europeos Salvador de Madariaga, José Manuel Sobrino, sobre a situación na que se atopa o proceso de retirada do Reino Unido da Unión Europea en perspectiva marítimo-pesqueira e que é previa ao informe final encargado pola Xunta sobre esta materia.

Este documento foi presentado hoxe polo autor á conselleira do Mar, Rosa Quintana, nun encontro mantido en Santiago, no que ambos afondaron no debate dos posibles escenarios que se abren pola incerteza do brexit e que analiza o informe de Sobrino. Ante esta indefinición e as prórrogas do proceso, a análise defende dar prioridade á seguridade xurídica da UE.

Outra das cuestións nas que fai fincapé o texto de Sobrino, e que se abordou na reunión, é a das eleccións europeas das que xurdirán cambios na composición da Comisión Europea. En relación a este aspecto, o documento advirte de posibles cambios no equipo negociador da CE para o brexit e defende a necesidade de que a UE manteña o actual. Durante a xuntanza, a titular de Mar puxo de relevo esta cuestión para impedir grandes cambios no acordo e manter a capacidade de negociación para que o brexit sexa o máis ordenado posible e que saia en positivo para a pesca galega.

Esta análise xurídica é previa ao enfoque final do estudo sobre o brexit e está condicionada pola indefinición do divorcio do Reino Unido da UE, pois para iniciar o traballo é preciso agardar a que se clarifique a situación, xa que as diferentes alternativas dificultan a orientación concreta do mesmo.

Deste xeito, este traballo súmase á folla de ruta trazada por Galicia para minimizar o impacto do brexit sobre os intereses pesqueiros galegos, un proceso no que a Xunta sempre defendeu un acordo que supuxese o mantemento do statu quo actual, con acceso da frota europea ás augas británicas e ao mercado comunitario por parte do Reino Unido.

Fonte: Dirección Xeral de Relación Exteriores e coa Unión Europea

© Fundación Galicia Europa

ContactoAviso Legal