Bruxelas, 15 de febreiro de 2019. A UE está a tomar medidas para paliar as graves perturbacións das conexións aéreas que se producirían no transporte de pasaxeiros e de carga entre a UE e o Reino Unido se este saíse da UE sen acordo. Os representantes permanentes dos Estados membros aprobaron hoxe, no Comité de Representantes Permanentes, un mandato para que a Presidencia romanesa negocie co Parlamento Europeo a proposta destinada a permitir que as compañías aéreas con licenza británica presten servizos básicos de transporte aéreo entre o Reino Unido e os outros vinte e sete Estados membros. Estes dereitos estarían supeditados a que o Reino Unido outorgase dereitos equivalentes e ao respecto de condicións que garantan unha competencia leal.

A proposta contén unha disposición especial que garante o dereito para seguir explotando voos regulares en condicións de servizo público ata o 26 de outubro de 2019, a fin de asegurar a continuidade dos servizos públicos mentres as autoridades nacionais realizan as adaptacións que require a nova situación.

Quedarán autorizados, en determinadas condicións, acordos limitados de código compartido e de arrendamento de aeronaves, incluído o arrendamento con tripulación.

As compañías aéreas cuxa licencia de explotación fose expedida por un Estado membro da UE e que, como consecuencia do Brexit, deixen de cumprir os requisitos da Unión en materia de propiedade e control terán ata o 26 de outubro de 2019 para adaptarse plenamente a todos eses requisitos. Para poder acollerse a esta excepción, as compañías aéreas dispoñerán de dúas semanas a partir da entrada en vigor do Regulamento para presentar un plan pormenorizado e completo das medidas que proxectan tomar para lograr esa adaptación plena aos requisitos de propiedade e control a partir do 27 de outubro de 2019 como moi tarde.

O Regulamento aplicaríase ata a entrada en vigor dun acordo de transporte aéreo co Reino Unido, ou ata o 30 de marzo de 2020 se esta data fose anterior.

A primeira reunión co Parlamento para tentar chegar a un acordo sobre o texto final celebrarase o 19 de febreiro.

Contexto
Segundo os principios xerais aplicables ás medidas de continxencia para un Brexit sen acordo, todas as medidas en cuestión corresponden a unha actuación unilateral da UE, baseada na hipótese de que o Reino Unido corresponderá con medidas recíprocas. Estas medidas son de carácter excepcional e estritamente limitadas no tempo. As medidas para garantir as conexións de transporte non teñen por obxecto reproducir o statu quo con arranxo ao dereito da UE, senón máis ben preservar as conexións básicas entre a UE e o Reino Unido.

© Fundación Galicia Europa

ContactoAviso Legal