• A Comisión Europea publica unha guía sobre o Brexit para que as empresas se preparen de cara a finalización do período transitorio.

Bruxelas, 9 de novembro de 2020. O Reino Unido deixou de ser Estado membro da Unión Europea o 31 de xaneiro de 2020 pero prevese un período transitorio ata o 31 de decembro de 2020. Durante o período transitorio, as normas e os procedementos aduaneiros e fiscais son os mesmos que antes. Con todo, isto cambiará a partir do 1 de xaneiro de 2021. Unha vez finalizado o período transitorio, produciranse importantes cambios en materia de fiscalidade e aduanas para as empresas que traballan co Reino Unido.

O Brexit afectará ás empresas que vendan bens ou presten servizos ao Reino Unido, compren bens ou reciban servizos do Reino Unido, transporte bens a través do Reino Unido ou utilicen materiais e bens do Reino Unido para comerciar ao amparo de réximes preferentes con países socios da UE.

No caso de Irlanda do Norte, é posible que sexan de aplicación disposicións específicas referidas ao imposto sobre o valor engadido, os impostos especiais e as aduanas. As empresas que  comercian con ou a través de Irlanda do Norte teñen que ser conscientes destas disposicións e adoptar as medidas necesarias. Por tanto, estas empresas deben prepararse para cambios importantes xa que, unha vez finalizado o período transitorio,  terán que cumprir os mesmos trámites aduaneiros que se aplican a calquera outro país non pertencente á UE.

Os cambios refírense, especialmente, ao ámbito fiscal e ás aduanas. Por exemplo, as empresas deberán presentar declaracións en aduana cando importe, exporte ou transporte bens dende, a ou a través de Reino Unido. Tamén é posible que teñan que proporcionar datos de protección e seguridade. As empresas necesitarán unha licenza especial para importar ou exportar determinados bens (como residuos, determinados produtos químicos perigosos ou OMG) e deberán realizar trámites adicionais para importar ou exportar bens suxeitos a impostos especiais (alcol, tabaco ou combustible). Normalmente, as empresas terán que liquidar o IVE no país da UE no que importe as mercadorías desde o Reino Unido e estarán exentas do pago do IVE na UE respecto de calquera ben que exporte ao Reino Unido, pero deberán cumprir as normas en materia de IVE aplicables ás importacións no Reino Unido. Por último, cando  as empresas realicen transaccións co Reino Unido, deberán cumprir normas e procedementos en materia de IVE diferentes dos aplicables ás transaccións dentro da UE.

Implicacións das negociacións actuais sobre un acordo comercial UE-Reino Unido

Os cambios mencionados serán necesarios mesmo se a UE e o Reino Unido celebran un acordo de libre comercio ambicioso. Estes cambios poderían ser aínda máis importantes no caso de que non se alcance un acordo entre as partes ao final do período transitorio. Neste caso, ademais dos trámites anteriores, as empresas terán que pagar dereitos de aduana sobre os bens que se introduzan na UE desde o Reino Unido e poderían verse afectadas por cotas para determinados bens. Ademais, se utilizan algún material ou proceso do Reino Unido, estes deixarán de ser considerados «orixinarios» no marco dos actuais réximes preferentes da UE.

Canto antes se preparen as empresas, menor será o impacto despois do período transitorio. Velaquí algunhas medidas prácticas que deben terse en conta:

En primeiro lugar, falar cos socios comerciais, xa que o final do período transitorio podería afectar á cadea de subministración, polo que hai que ser consciente do que significa para os provedores, intermediarios ou transportistas.

En segundo lugar, poñerse en contacto coas autoridades locais e os centros de asesoramento para obter información completa e explicacións sobre os preparativos que hai que levar a cabo para cando acabe o período transitorio.

En terceiro lugar, consultar a páxina web da Comisión, onde hai «comunicacións preparatorias» detalladas sobre unha ampla gama de temas destinadas a axudar ás empresas para prepararse a facer fronte ao impacto do Brexit.

Por último, actuar sen demora a fin de evitar dificultades para a empresa. Algún dos procesos e procedementos a levar a cabo levan tempo, polo que cómpre empezalos o antes posible.

Para máis información: Brexit, cómo prepararse para el final del período transitorio

© Fundación Galicia Europa

ContactoAviso Legal