• Rosa Quintana trasladou que o escenario máis favorable con carácter inmediato sería o do mantemento do status quo nas súas condicións de pesca en augas británicas despois do brexit
  • Esta cifra despréndese do informe Impacto económico do brexit na pesca galega, elaborado pola Universidade de Santiago de Compostela por encargo da Xunta e presentado hoxe pola conselleira do Mar na DG Mare
  • O obxectivo da comunidade galega é facer ver ao negociador da Comisión Europea o verdadeiro valor da pesca galega e manter unha actitude proactiva co Reino Unido 
Bruxelas, 24 de abril de 2018. Galicia cifra o posible impacto socioeconómico do brexit en máis de 533 millóns de euros só coa frota de Gran Sol. Así se desprende do informe Impacto económico do brexit na pesca galega, elaborado pola Universidade de Santiago de Compostela por encargo da Xunta e presentado hoxe pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, á directora de Política Pesqueira do Atlántico, Mar do Norte, Báltico e Rexións Ultraperiféricas, Helene Clark, e a representantes do Task Force do brexit.
Esta cifra, salientou a conselleira, pasa dos 533 millóns de euros e correspóndense cos ingresos medios da frota do Gran Sol que faena en augas escocesas e británicas e da que hoxe forman parte 96 barcos, 66 deles galegos, é dicir, “practicamente o 70% da frota é galega”, sinalou Rosa Quintana.
Ademais, segundo aclarou a titular de Mar, o documento recolle que dos 81 sectores de actividade que hai ligados á pesca, case a metade deles estarían afectados. Desa metade, 27 correspóndense con áreas netamente industriais e os 17 restantes teñen que ver con servizos en torno á pesca e que equivalería a un valor de consumos intermedios de máis de 163 millóns de euros. Así mesmo, a conselleira tamén trasladou que o informe reflicte que o brexit tería un impacto de 140 millóns de euros tan só na remuneración de asalariados e de 23 millóns nas cotizacións á Seguridade Social.
A maiores o informe, que tamén foi presentado ao sector en marzo no pleno do Consello Galego de Pesca, advirte de que, no suposto de que o Reino Unido restrinxise as licencias, habería consecuencias para todo o sector. En relación a este aspecto, expón que as actividades económicas do sector pesqueiro teñen carácter global, pois realiza importacións e exportacións contribuíndo á súa vez á creación dun tecido industrial e de servizos enraizados na economía galega.
Tendo en conta esta situación, a conselleira trasladou que o escenario máis favorable con carácter inmediato sería o do “mantemento do status quo” nas súas condicións de pesca en augas británicas despois do brexit. Neste sentido, a titular de Mar fixo fincapé na importancia de acadar un acordo do brexit a longo prazo que estea ligado ao acceso mutuo ao recurso, ás zonas pesqueiras e ao mercado e que proporcione un marco de xestión que garanta a sustentabilidade das poboacións.
Así, a conselleira destacou que a Xunta presenta este informe en Bruxelas co obxectivo de que sexa tido en conta e trasladado ao equipo negociador do brexit. Deste xeito, explicou a titular de Mar, Galicia busca facer ver ao negociador da Comisión Europea o verdadeiro valor da súa pesca e manter unha actitude proactiva co Reino Unido, facilitándolles o que necesiten. Así mesmo subliñou que “imos coa tranquilidade de saber que a pesca está sendo considerada motivo fundamental en todas as negociacións e coa satisfacción de ver que lle gustou o informe”.
Neste sentido, a directora de Política Pesqueira do Atlántico, Mar do Norte, Báltico e Rexións Ultraperiféricas e os representantes do Task Force do brexit trasladaron á conselleira unha mensaxe de tranquilidade e subliñaron que a pesca forma parte da primeira liña das negociacións. Ao tempo, agradeceron todo o esforzo que se fixo desde a Xunta de Galicia para aportar argumentos na defensa dos intereses pesqueiros galegos ante a saída de Reino Unido da Unión Europea.
Ligazón ao informe elaborado pola Universidade de Santiago de Compostela:

© Fundación Galicia Europa

ContactoAviso Legal