• A Recomendación adoptada pola Comisión baséase no acordo político que España e Reino Unido alcanzaron o 31 de decembro de 2020, e céntrase na cooperación na rexión deixando de lado as cuestións de soberanía e xurisdición.

Bruxelas, 12 de agosto de 2021. A Comisión Europea adoptou recentemente unha Recomendación de Decisión do Consello mediante a que se autoriza a apertura de negociacións para un acordo entre a UE e Reino Unido sobre Xibraltar. Ademais, presentou a súa proposta de directrices de negociación, e iniciará as negociacións formais con Reino Unido unha vez o Consello adopte o proxecto de mandato.

Cando a UE e o Reino Unido asinaron o Acordo de Comercio e Cooperación a finais de 2020, non incluíron a Xibraltar no seu ámbito de aplicación, pero a Comisión comprometeuse a iniciar a negociación dun acordo separado sobre esta cuestión se España o solicitase. É por iso polo que a Comisión recomenda agora ao Consello que autorice o inicio das negociacións.

As directrices de negociación propostas presentan solucións para eliminar as comprobacións e controis físicos de persoas e mercadorías na fronteira terrestre entre España e Xibraltar, e garanten á vez a integridade do espazo Schengen e do mercado único. As propostas inclúen normas que establecen a responsabilidade en materia de asilo, retornos, visados, permisos de residencia, cooperación policial operativa e intercambio de información.

Tamén se inclúen medidas en ámbitos como o transporte terrestre e aéreo, os dereitos dos traballadores transfronteirizos, o medio ambiente, o apoio financeiro e o establecemento dunhas condicións de competencia equitativas. Dado que a España se lle encomendarán a aplicación e a execución de determinadas disposicións do futuro acordo, a Comisión manterá estreitos contactos coas autoridades do Estado ao longo das negociacións para ter en conta a súa opinión.

Contexto

O Acordo de Comercio e Cooperación entre o Reino Unido e a UE excluíu a Xibraltar do seu ámbito de aplicación territorial. O 31 de decembro de 2020, a Comisión recibiu unha nota sobre o marco proposto para un instrumento xurídico entre o Reino Unido e a UE que establece as relacións futuras de Xibraltar coa UE, que foi examinada polos servizos competentes da Comisión en estreita consulta con España. Baseándose no marco proposto e en consonancia coas normas e intereses da Unión, a Comisión adoptou a Recomendación para a negociación dun futuro acordo con Reino Unido.

Máis información:

Comisión Europea

Recomendación de Decisión do Consello

© Fundación Galicia Europa

ContactoAviso Legal