• Ata agora, Londres recoñecía á UE como unha organización internacional convencional (a pesar de ter a súa propia moeda, sistema xudicial e capacidade lexislativa) en lugar de como un Estado




Bruxelas, 7 de maio de 2021. Josep Borrell, alto representante para a Política Exterior da UE, e Dominic Raab, ministro de Exteriores británico, reuníronse o pasado 5 de maio para poñer fin a unha disputa que provocara se cabe máis friccións entre Reino Unido e a Unión Europea tras o Brexit. Durante o cume do G7 celebrado en Londres, Borrell e Raab acordaron que o embaixador comunitario recibirá a partir de agora un rango equivalente ao de embaixador.

Nun comunicado conxunto, ambos declararon: "Comprácenos chegar xuntos a un acordo, baseado na boa vontade e o pragmatismo, para a Delegación da UE no Reino Unido. O Embaixador da UE terá un estatus acorde coa dun xefe de misión dun Estado. O persoal da Delegación da UE gozará dos privilexios e inmunidades necesarios para traballar de forma efectiva, permitindo ao mesmo tempo unha administración de xustiza eficaz, e esperamos poder avanzar e afrontar xuntos os retos mundiais."

Así, preténdese dar un novo arranque a unhas relacións diplomáticas postBrexit que se tensaron ante a negativa de Londres de recoñecer como embaixador a Joao Vale de Almeida, futuro representante da delegación da UE no Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte, debido a que consideraba que non representaba a un país, senón a unha organización internacional.

Ademais, discutiron sobre a futura cooperación entre Reino Unido e a UE en materia de política exterior e seguridade, así como a posibilidade de traballar de forma conxunta no que respecta ao cambio climático con vistas á Conferencia das Nacións Unidas sobre o clima que se celebrará en Glasgow o próximo novembro. Por último, verteron as súas opinións sobre as conversacións para o futuro de Chipre, destacando a necesidade de dar impulso a unha nova reunión entre as partes implicadas e subliñando o seu pleno apoio aos esforzos da ONU no proceso.



Fonte: Servicio Europeo de Acción Exterior

© Fundación Galicia Europa

ContactoAviso Legal