• Para anticipar as posibles consecuencias da saída de Reino Unido da Unión Europea, a Xunta de Galicia elaborou e encargou diversos informes

Bruxelas, 24 de xaneiro de 2019. Segundo a análise sobre o impacto do Brexit en Galicia elaborado pola Xunta de Galicia o pasado ano, Reino Unido representa o terceiro mercado de destino das exportacións galegas, por un valor de 1.500 M€, case o 8% do total. A automoción, o téxtil, a lousa ou as conservas de peixes e de mariscos son os principais produtos exportados fronte aos cereais, peixe e marisco ou produtos siderúrxicos que Galicia importa por un custo cinco veces menor (267 M€).

Aínda que os temores existentes en relación cos
dereitos dos galegos que residen en Reino Unido, a afluencia turística desde
aquel país ou o impacto na recepción de fondos comunitarios son similares aos
doutras rexións europeas, a influencia do Brexit no sector pesqueiro é de
especial relevancia para Galicia.

Un total de 110 buques - dos que 66 son galegos e
o resto faena baixo pabellón británico-  veríanse afectados. En total,
serían 96 empresas e 1.700 tripulantes galegos afectados. O impacto económico
en primeira liña sería de 535 M €. Pero ademais, o último informe da USC estima
que un eventual peche do caladoiro do Gran Sol afectaría á metade dos 88
sectores en que se divide a economía galega, sendo 27 de eles de carácter
netamente industrial e o resto do sector servizos (transporte, provisión de
gasoil, xurídico...). En concepto de remuneración salarial, suporía unha perda
de 140 M €, así como 23 M€ de ingresos por parte da Seguridade Social en
concepto de contribucións.

Por este motivo, o goberno galego está a defender a necesidade de que o acceso ás augas británicas sexa parte integral do acordo de saída de Reino Unido, vinculándose este ao acceso dos produtos británicos ao mercado europeo. Neste labor sumouse á Alianza Europea pola Pesca (EUFA), que representa ao sector que faena en augas británicas. O seu principal documento de posición é a Declaración de Santiago, asinada na capital galega o pasado outono. En febreiro, outra gran conferencia baixo o título “A pesca como prioridade da Unión Europea nas negociacións do Brexit” volveu reunir na capital galega a representantes da EUFA e as autoridades galegas e españolas para defender un acordo de saída do Reino Unido que permita, ademais, preservar e mellorar a distribución actual das totais admisibles de captura e as cotas de pesca.

Estudos elaborados ou encargados pola Xunta de Galicia:

  • Análise sobre o impacto do Brexit en Galicia (2017): elaborado pola Xunta de Galicia e a Fundación Galicia Europa sobre as consecuencias económicas e xurídicas do Brexit nos diversos sectores. Tralas achegas realizadas polo Consello Económico e Social e o Consello de Acción Exterior, este informe foi enviado ao Parlamento de Galicia en decembro de 2017. Formou parte tamén do documento de posición das CCAA sobre o Brexit presentado no Comité das Rexións en xullo de 2017.

  • Impacto económico da pesca galega(decembro de 2017): encargado pola Consellería do Mar  e elaborado polo Grupo de Investigación en Economía Pesquera e Recursos Naturais da Universidad de Santiago de Compostela, a cargo de María do Carme García Negro e Gonzalo Rodríguez Rodríguez. Foi a propia Dirección Xeral de Asuntos Marítimos da Comisión Europea (DG MARE) a que suxeriu á Xunta a elaboración deste informe para albiscar as consecuencias do Brexit na primeira rexión pesqueira europea. En consecuencia, a conselleira do Mar presentouno en persoa o pasado 24 de abril a altos cargos de DG MARE e do equipo negociador de Barnier.

A maiores, o Consello Económico e Social de Galicia (CES) tamén elaborou o informe Análise económica do grao de exposición da economía de Galicia ante o Brexit.  As conclusións do informe do CES sinalan que a economía de Galicia non se verá moi afectada pola saída do Reino Unido da UE no aspecto cuantitativa, aínda que, si se detectou preocupación desde o punto de vista cualitativo. Por sectores, os máis afectados pola caída, á falla de concreción do mecanismo concreto en que esta se producirá, serían o textil, a pesca e os servicios, que son os que máis intercambios rexistran cos británicos.

Ademais, a Xunta encargou recenetemente ao Instituto Universitario de Estudos Europeos, "Salvador de Madariaga", da Universidade da Coruña un novo informe sobre a actual situación do acordo do brexit e as posibilidades para conformar o acordo de pesca co Reino Unido.

© Fundación Galicia Europa

ContactoAviso Legal