• O presidente da Xunta participou hoxe no Foro Galego do Brexit, onde presentou o embaixador permanente de España ante a UE, Pablo García-Berdoy y Cerezo
  • Ante o futuro orzamentario da UE, incide na demanda de Galicia para que se manteñan as partidas procedentes da Política Rexional e da PAC, co fin de que estes fondos axuden a contrarrestar o cambio demográfico
  • Insiste en que o brexit podería afectar 110 buques, dos cales 66 son galegos e o resto teñen pavillón británico
  •  Expón tamén a necesidade de abordar a desafección polo proxecto europeo, que non só afecta o electorado do Reino Unido, a través da recuperación dun europeísmo emocional que non se limite a cifras e porcentaxes, senón que afonde nas emocións

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2018. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que ante o brexit Galicia seguirá desenvolvendo unha ampla actividade, buscando complicidades e incorporando os seus puntos de vista á axenda europea. Nesta liña, subliñou que a Comunidade impulsou a Declaración de Santiago, subscrita pola Alianza Europea pola Pesca, e actuou como anfitrioa da conferencia celebrada baixo o título A pesca como prioridade da UE nas negociacións do brexit. E o pasado 24 de abril, “as autoridades europeas confirmaron a vontade comunitaria de preservar o acceso aos recursos pesqueiros nun eventual acordo de libre comercio con Gran Bretaña”, lembrou.

Así mesmo, e no eido dos informes, Feijóo recordou que Galicia asumiu no Comité Europeo das Rexións a redacción dun ditame sobre a implementación regulamentaria do Fondo Europeo Marítimo e Pesqueiro que, previsiblemente, será adoptado o vindeiro 16 de maio. E citou tamén o documento elaborado por José Manuel Sobrino Heredia, director do Instituto de Estudos Europeos Salvador de Madariaga, baixo o título Opinión xurídica sobre a retirada do Reino Unido da UE, e das súas posibles consecuencias para o sector pesqueiro en Galicia; e o texto titulado Impacto económico da pesca galega, de María do Carme García Negro e Gonzalo Rodríguez Rodríguez da Universidade de Santiago. Ademais da Análise sobre o impacto do brexit en Galicia, elaborado pola Xunta e a Fundación Galicia-Europa, que serviu de base á posición común das comunidades autónomas españolas no Comité das Rexións do pasado mes de xullo.

Por outra banda, e ante o futuro orzamentario da UE, o presidente do Goberno galego fixo fincapé na demanda de Galicia para que se manteñan as partidas procedentes da Política Rexional e da Política Agraria comúns, co obxectivo de que estes fondos axuden a contrarrestar o cambio demográfico que sofre a nosa rexión e outras similares do resto da Unión.

Durante a celebración do Foro Galego do Brexit, o titular da Xunta insistiu en que o brexit podería afectar 110 buques, dos cales 66 son galegos e o resto teñen pavillón británico. “Estamos a falar de 96 empresas, 1.700 tripulantes e dun impacto económico en primeira liña de venda de máis de 500 millóns”, abundou, sen esquecer que o Reino Unido é o terceiro destinatario das exportacións galegas, cun valor que ascende aos 1.500 millóns de euros e sectores que abarcan a automoción, o téxtil ou as conservas. E, a súa vez, as importacións alcanzan os preto de 300 millóns de euros, centrándose nos cereais, pescado, marisco e produtos siderúrxicos.

Ao longo da súa intervención, Feijóo expuxo tamén a necesidade de abordar a desafección polo proxecto europeo, que non só afecta ao electorado do Reino Unido, a través da recuperación dun europeísmo emocional que non se limite a cifras e porcentaxes, senón que afonde nas emocións. “Pensabamos que bastaba cos inmensos logros da construción europea para asentar o europeísmo na conciencia cidadá dos pobos de Europa. Tal vez nos equivocamos”, dixo, referíndose ao abandono da faceta emocional da política en mans do populismo dun ou doutro signo.

Para contrarrestar este efecto, o responsable do Goberno galego fixo fincapé en que non vale dicir que os logros do proxecto europeo son evidentes, xa que esa evidencia ten que ser correctamente transmitida, para que poida chegar á maioría da poboación.

Feijóo concluíu aseverando que ninguén mellor que o embaixador representante permanente de España ante a Unión Europea, para abrir as reflexións neste foro. Sen estenderse sobre a ampla traxectoria diplomática de Pablo García-Berdoy y Cerezo, Feijóo destacou que forma parte do grupo dos grandes chefs das políticas europeas.

© Fundación Galicia Europa

ContactoAviso Legal