• O vicepresidente da Comisión Europea, Maroš Šefčovič mantivo unha reunión informal en Bruxelas co representante do Reino Unido, David Frost, para debater e garantir que o Protocolo sobre Irlanda e Irlanda do Norte sexa aplicado de maneira plena

© European Commission

Bruxelas, 19 de Abril de 2021. O copresidente da UE do Comité Mixto do Acordo de Retirada, Maroš Šefčovič, mantivo unha reunión informal en Bruxelas o pasado 15 de abril co seu homónimo británico, David Frost. Esta reunión forma parte dos esforzos xerais por atopar solucións conxuntas para garantir que o Protocolo sobre Irlanda e Irlanda do Norte sexa aplicado de xeito pleno en Irlanda do Norte, á vez que se mantén a integridade do mercado único da UE.

As dúas partes aproveitaron a ocasión para facer un balance de todas as cuestións pendentes relativas á aplicación do Protocolo e recibiron unha orientación política para os debates a nivel técnico, que deberían intensificarse nas próximas semanas.

O vicepresidente insistiu en particular no compromiso da UE co Acordo de Venres Santo (Belfast) e o pobo de Irlanda do Norte, que só se poden atopar solucións mediante accións conxuntas; e que as vías de cumprimento acordadas mutuamente son fundamentais para a plena aplicación do Protocolo.

Šefčovič reiterou o compromiso da UE co Protocolo, dado que é a única maneira de protexer o Acordo de Venres Santo e de preservar a paz e a estabilidade, evitando unha fronteira dura na illa de Irlanda e mantendo a integridade do mercado único da UE. Tamén reiterou o compromiso da UE co programa PEACE+, destinado a promover a reconciliación en Irlanda do Norte e na rexión fronteiriza de Irlanda, a crear prosperidade e a contribuír positivamente á economía.

Lembrando os frutíferos debates entre os copresidentes do Comité Especializado e a boa cooperación técnica sobre o terreo, o vicepresidente afirmou claramente que a aplicación do Protocolo é un esforzo conxunto, que non deixa espazo para a acción unilateral. Só as solucións conxuntas poden proporcionar a estabilidade e a previsibilidade que se necesitan en Irlanda do Norte. Tamén insistiu na necesidade de establecer vías mutuamente acordadas para o pleno cumprimento do Protocolo, que inclúan puntos finais claros, prazos, fitos e medios para medir os avances.

Destacou que, neste contexto, a continuación dun enfoque de libro aberto é fundamental. Para facilitar este proceso, Šefčovič reiterou a súa prioridade de comprometerse, conxuntamente co Reino Unido, coas empresas e outras partes interesadas de Irlanda do Norte. Ambos os equipos organizarán outra rolda de contactos no próximos quince días.

Finalmente, Šefčovič declarou que as accións legais en curso da Comisión contra o Reino Unido por incumprimento das disposicións sustantivas do Protocolo, así como a obrigación de boa fe en virtude do Acordo de Retirada, continuarán mentres sexa necesario.

Máis información: Comisión Europea

© Fundación Galicia Europa

ContactoAviso Legal