• O colexislador propón un novo método de asignación baseado nun apoio aos países e sectores máis afectados polo Brexit, polo que ten en conta o comercio, a pesca -cun compromiso específico coa pesca a pequena escala e as comunidades locais que dependen das actividades pesqueiras en augas do Reino Unido- e a poboación das rexións marítimas fronteirizas co Reino Unido.

Bruxelas, 31 de maio de 2021. A Comisión de Desenvolvemento Rexional vén de adoptar a súa posición sobre a Reserva de Adaptación para o Brexit (BAR), achandando o camiño para iniciar as negociacións co Consello sobre a forma final da ferramenta. O proxecto de informe foi aprobado por 35 votos a favor, un en contra e 6 abstencións.

O fondo de 5.000 millóns de euros crearase como un instrumento especial á marxe dos límites orzamentarios do Marco Financeiro Plurianual (MFP) de 2021-2027. Os eurodeputados queren que os recursos se desembolsen en tres tramos:

  • un prefinanciamento de 4.000 millóns de euros en dous tramos iguais de 2.000 millóns en 2021 e 2022.
  • os 1.000 millóns de euros restantes en 2025, distribuídos sobre a base dos gastos comunicados á Comisión, tendo en conta o prefinanciamento.

Método de asignación

Segundo este novo método, Irlanda sería, con diferenza, o maior beneficiario en termos absolutos, seguido dos Países Baixos, Francia, Alemaña e Bélxica.

Elixibilidade dos fondos

Segundo a proposta do Parlamento, o BAR apoiaría o gasto público realizado entre xullo de 2019 e decembro de 2023, fronte ao período de xullo do 2020 a decembro de 2022 proposto pola Comisión. A prórroga permitiría aos Estados cubrir os investimentos realizados antes do final do período de transición para preparar os efectos negativos previstos do Brexit. Os eurodeputados tamén esixen que as entidades financeiras e bancarias que se beneficien da saída do Reino Unido queden excluídas de recibir axudas de BAR.

As medidas dos Estados membros que poden ser beneficiarias destas axudas teñen que estar especificamente deseñadas para paliar as consecuencias do Brexit, como as destinadas a apoiar a pemes e autónomos a facer fronte á maior burocracia que supón exportar ao Reino Unido, as relativas á pesca a pequena escala e as comunidades locais que dependen das actividades pesqueiras en augas do Reino Unido, ou as postas en marcha para axudar aos cidadáns europeos a reintegrarse tras marchar de Reino Unido.

Próximos pasos

Espérase que o Parlamento confirme o proxecto de mandato na súa primeira sesión plenaria de xuño. A continuación, iniciaranse inmediatamente as conversacións co Consello co obxectivo de chegar a un acordo global coa Presidencia portuguesa en xuño.

Antecedentes

O 25 de decembro de 2020, a Comisión presentou a súa proposta de Reserva de Adaptación ao Brexit, un instrumento financeiro para axudar aos países da UE a contrarrestar as consecuencias económicas e sociais adversas da retirada do Reino Unido.

Más información: Parlamento Europeo

© Fundación Galicia Europa

ContactoAviso Legal