• O Acordo de Comercio e Cooperación entre a UE e o Reino Unido foi apoiado polo Parlamento Europeo na sesión plenaria celebrada o 27 de abril. Así mesmo, o Consello adoptou o 29 de abril a Decisión relativa á celebración do Acordo de Comercio e Cooperación e o acordo sobre seguridade da información
  • Tras a súa publicación no Diario Oficial da UE, entrarán en vigor o 1 de maio

© European Parliament

Bruxelas, 29 de Abril de 2021. Tras a votación realizada o pasado 27 de abril, o Parlamento Europeo aprobou en sesión plenaria por 660 votos a favor, 5 en contra e 32 abstencións, apoiar o Acordo de Comercio e Cooperación que regulará a futura relación entre a Unión Europea e o Reino Unido.

Durante a sesión, participaron personalidades de renome como a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, o xefe negociador do Brexit, Michel Barnier ou o  copresidente do Comité Conxunto UE-Reino Unido, Maros Šefčovič. Von der Leyen  tildou esta votación de “especial importancia, dado que representa a unidade, a responsabilidade e a solidariedade dentro da UE para protexer os intereses dos cidadáns e a Unión.”

Pola súa banda, Michel Barnier fixo fincapé en tres puntos de especial relevancia. En primeiro lugar, a prioridade de vixiar os dereitos dos cidadáns, especialmente os de Irlanda do Norte, polo que instou a que se asuman responsabilidades e se respecte o asinado. En segundo lugar, o mercado único e as consecuencias para o Reino Unido ao abandonalo. E, por último, referiuse á relación co Reino Unido onde instou a preservar o espírito de cooperación. En conclusión, o xefe negociador da UE, calificou o Brexit como “un divorcio, unha advertencia e un fracaso do que hai que aprender para que non se repita no futuro”.

O acordo acadado contribúe a evitar perturbacións importantes para os traballadores e os viaxeiros e protexe os intereses europeos. Tamén preserva a integridade do mercado único e garante a sólida igualdade de condicións e un alto nivel de protección en todos os ámbitos, desde os dereitos sociais e laborais ata a protección do medio ambiente, pasando pola transparencia fiscal e as axudas estatais. Finalmente, o Acordo está dotado dun mecanismo de resolución de conflitos vinculante e da posibilidade de adoptar medidas correctoras unilaterais cando sexa necesario.

No relativo ao Protocolo sobre Irlanda e Irlanda do Norte, tamén houbo avances no traballo do Comité Conxunto UE-Reino Unido onde hai unha dinámica nova e construtiva que busca traballar estreitamente para atopar solucións construtivas que respecten o acordado. O seguinte paso é acordar mutuamente as vías de cumprimento, con prazos e fitos concretos. Para apoiar este proceso, o vicepresidente Šefčovič dialogará con todas as partes interesadas de Irlanda do Norte.

Durante o debate tamén se subliñou a necesidade dun control parlamentario adecuado para garantir que o Reino Unido cumpra plenamente os seus compromisos. Neste sentido, a Comisión expuxo os seus compromisos nunha Declaración que estipula que se asegurarán de que o Parlamento estea plenamente informado das actividades dos diferentes comités e do Consello establecidos polo Acordo e de que participe de forma adecuada na toma de decisións importantes. Así mesmo, presentará unha proposta de acto lexislativo para regular a forma en que deben adoptarse as medidas autónomas da UE para garantir un diálogo continuo sobre todos os aspectos do acordo.

Resolución sobre o Acordo

O pleno do Parlamento Europeo tamén adoptou unha resolución na que avalían o contido do Acordo de Comercio e Cooperación. O texto insiste na importancia de aplicar o acordo na súa totalidade, xunto ao protocolo de retirada, e subliña o papel do Parlamento Europeo á hora de supervisar a aplicación práctica dos textos.

En materia de pesca, o PE lamenta o impacto negativo en determinadas comunidades pesqueiras e subliña que a redución gradual do 25% ao longo dun período de cinco anos e medio, terá un resultado menos prexudicial que conlevaría o peche total das augas do Reino Unido; Tamén lembra ao Reino Unido que o mantemento do acceso aos mercados da Unión está directamente relacionado co acceso ás augas e que se o Reino Unido limitase o acceso despois do período, a UE poderá tomar medidas para protexer os seus intereses. Finalmente fai mención ao período de negociación do Acordo de Comercio e Cooperación e ás Cotas.

Próximos pasos

Tras a votación no pleno do Parlamento Europeo e a adopción por parte do Consello da Decisión relativa á celebración do Acordo de Comercio e Cooperación e o acordo sobre seguridade da información, notificarase ao Reino Unido a finalización dos trámites internos da UE.

Seguidamente, os acordos e os textos que os acompañan publicaranse no Diario Oficial da UE antes de fins de abril e o 1 de maio de 2021 entrarán en vigor.

Antecedentes

O Reino Unido abandonou a UE o 31 de xaneiro de 2020 a medianoite e o Acordo de Retirada entrou en vigor o 1 de febreiro, cun período de transición que finalizou o 31 de decembro de 2020. As negociacións sobre a asociación comezaron o 2 de marzo de 2020 e, o 24 de decembro do mesmo ano, os negociadores concluíron un Acordo de Comercio e Cooperación.

O 29 de decembro, o Consello adoptou a Decisión relativa á firma do Acordo de Comercio e Cooperación e o 30 de decembro ambas partes asinaron os acordos, que levan aplicándose de forma provisional desde o 1 de xaneiro de 2021 con data límite a finais de febreiro. Con todo, o 23 de febreiro, o Consello de Asociación UE-Reino Unido decidiu prorrogar a aplicación provisional ata o 30 de abril co fin de dispoñer de tempo suficiente para completar a revisión xurídico-lingüística dos acordos nas 24 linguas.

Máis información: Comisión Europea

UE-Reino Unido: debate final sobre la relación futura antes de votar el acuerdo

Debate conjunto sobre el Acuerdo de Comercio y Cooperación entre la UE y el Reino Unido: Declaración de apertura de Michel BARNIER, Jefe del Grupo de Trabajo de la Comisión Europea para las Relaciones con el Reino Unido

Acuerdo de Comercio y Cooperación entre la Unión Europea y el Reino Unido: el Consejo adopta una Decisión sobre su celebración

© Fundación Galicia Europa

ContactoAviso Legal