Bruxelas, 14 de febreiro de 2019. O Parlamento Europeo fixou a súa posición o mércores sobre as medidas de continxencia para asegurar as conexións aéreas no caso de que o Reino Unido acabe saíndo da UE sen acordo.

A Cámara está de acordo con que as aerolíneas de Reino Unido poidan seguir operando rutas entre a UE e o Reino Unido durante doce meses, sempre que se ofreza un acceso equivalente ás compañías da UE.

Os eurodeputados tamén queren que a Comisión estenda de maneira temporal, pero como máximo ata marzo de 2020, as licenzas de operacións ás compañías cuxa propiedade maioritaria quede en mans non europeas tras o brexit, para darlles tempo a reestruturar o accionariado.

O pleno aprobou este plan de continxencia con 576 votos a favor, 4 en contra e 28 abstencións.

Medidas sobre seguridade e transporte por estrada

Os eurodeputados apoiaron, así mesmo, un mecanismo temporal para que a Axencia europea de Seguridade Aérea emita certificados para as compañías de Reino Unido, con 603 votos fronte a 3 e 5 abstencións.

Para evitar problemas no transporte de mercadorías por estradas, o pleno mostrouse de acordo en permitir aos operadores británicos levar bens á UE ata o final de 2019, sempre que Londres permita facer o mesmo ás compañías da UE no seu territorio. Este texto saíu adiante con 578 votos a favor, 5 en contra e 18 abstencións.

Próximos pasos

Unha vez que o Consello fixe a súa posición, poderán comezar as conversacións entre as dúas institucións sobre a formulación final das medidas de continxencia.

© Fundación Galicia Europa

ContactoAviso Legal