• O novo fondo consta de cinco millóns de euros que serán asignados provisionalmente por adiantado aos Estados membros afectados polas consecuencias da saída do Reino Unido da UE
  • Para a súa adopción definitiva, o Consello e o Parlamento Europeo deben negociar unha versión final do regulamento de forma que o primeiro tramo poida desembolsarse antes de finais de ano

© European Commission

Bruxelas, 6 de maio de 2021. O Consello da UE vén de fixar a súa posición sobre o fondo de cinco mil millóns de euros destinado a atenuar o impacto inmediato da retirada do Reino Unido da Unión Europea. O fondo, denominado Reserva de Adaptación ao Brexit (BAR, polas súas siglas en inglés), concentrarase nas rexións, zonas e sectores máis afectados da UE e utilizarase para financiar unha serie de medidas, como compensar ás empresas pola perda de comercio, manter postos de traballo e establecer controis aduaneiros nos portos.

Mentres que a proposta da Comisión Europea pretendía unha aplicación do BAR rápida e flexible que cubrise os gastos de calquera Estado membro entre o 1 de xullo de 2020 e o 31 de decembro de 2022, o  Consello avoga por un período de execución de catro anos completos entre o 1 de xaneiro de 2020 e o 31 de decembro de 2023.

Dado que as consecuencias económicas do Brexit son múltiples e imprevisibles, o proxecto de Regulamento polo que se establece a reserva proporciona unha lista indicativa e non exhaustiva de medidas admisibles. Esta lista inclúe, entre outras cousas, a asistencia ás empresas e as comunidades pesqueiras, programas de traballo a curto prazo e programas de reciclaxe profesional, controis fronteirizos, aduaneiros, sanitarios e fitosanitarios, recadación de impostos indirectos e reintegración dos nacionais da UE que abandonasen o Reino Unido debido ao Brexit.

Independentemente do tipo de medidas que decidan adoptar os Estados membros, para poder optar ao financiamento, deben estar directamente relacionadas coa atenuación das consecuencias negativas da saída do Reino Unido do bloque comunitario.

Asignación

Consecuentemente coa política de reforzo da cohesión en toda a UE, o método de asignación ten en conta o impacto desigual do Brexit nas distintas rexións e sectores. Segundo a posición do Consello, os cinco mil millóns de euros deberían asignarse provisionalmente por adiantado, estando a distribución por Estado membro determinada por tres factores principais: o valor do peixe capturado na zona económica exclusiva do Reino Unido, a importancia do comercio co Reino Unido e a poboación das rexións marítimas fronteirizas co Reino Unido. Este último criterio foi introducido polo Consello

En total, asignaranse 600 millóns de euros en función do factor vinculado á pesca, 4 150 millóns en función do comercio -a diferencia dos 3.400 inicialmente propostos pola Comisión- e 250 millóns en función do novo factor vinculado ás rexións marítimas fronteirizas.

A diferencia da proposta da Comisión que propuña que o 80% (4 000 M€) do importe se desembolsase en 2021 en forma de prefinanciamento e o resto en 2024 en función dos gastos incurridos e declarados á Comisión ata ese momento, o Consello propón que o 80% se desembolse como prefinanciamento en tres tramos, en 2021, 2022 e 2023. Dos mil millóns restantes poderase dispoñer en 2025 e o modo en que se compartan dependerá da maneira en que os Estados membros gastasen o financiamento nos anos anteriores, tendo tamén en conta as cantidades non utilizadas.

Seguintes etapas

Unha vez que o Parlamento Europeo aprobe a súa posición, as institucións colexisladores (Parlamento e Consello) negociarán a versión final do Regulamento co obxectivo de chegar a un acordo antes da suspensión estival das actividades, de modo que o primeiro tramo poida desembolsarse antes de fin de ano.

Máis información: Consello da UE

© Fundación Galicia Europa

ContactoAviso Legal