Entre o 18 e 21 de agosto celebrouse de xeito presencial en Bruxelas a sétima ronda de negociacións entre a Unión Europea e o Reino Unido. Tras esta, Michel Barnier reiterou a importancia de chegar a un acordo que entre en vigor o 1 de xaneiro do 2021 e a súa preocupación persoal ante a posibilidade da saída de Reino Unido sen o mesmo, instando a ter un texto legal completo para finais de outubro e así poder evitalo.

Aínda que previamente Boris Johnson admitiu que quería acelerar as negociacións entre ambas partes, Barnier lamentou que os británicos non mostraran desexos de avanzar nos temas que son fundamentais para UE a pesar da flexibilidade demostrada por esta en  temas como o papel do Tribunal de Xustiza da UE, a autonomía lexislativa do Reino Unido ou a pesca. Estas son materias importantes para a UE nas que se precisa avanzar. A pesar da nova ronda de negociacións, en materia pesqueira non houbo ningún progreso nas cuestións relevantes para a Unión. No relativo a gobernanza, as partes aínda están lonxe de pórse de acordo no concernente a solución de controversias e, no caso da aplicación da lei, aínda tense que acordar as garantías necesarias para protexer os dereitos fundamentais e os datos persoais dos cidadáns.

A posición da UE é clara: o acordo comercial debe ir acompañado de estándares que aseguren unha competencia leal e debe garantir unha solución xusta e sostible a longo prazo para os pescadores europeos. Ademais, non haberá un “acceso á carta” ao mercado único en vista de que o Reino Unido négase a aceptar as regras e obrigacións deste mercado. A UE busca un acordo onde exista un compromiso de competencia xusta entre ambos, que evite distorsións no comercio e vantaxes competitivas inxustas. Con todo, segundo Barnier, o Reino Unido solicita un acordo comercial sen aranceis e cotas e sen ningún marco de igualdade de condicións cribles.

Así e todo, cabe destacar que houbo un gran avance en cuestións de índole técnica como é a cooperación enerxética, a participación en programas da UE e a loita contra o branqueo de capitais, entre outros. Estes avances son moi útiles para poder chegar a un acordo. Sen embargo, a día de hoxe parece pouco probable tal acordo a pesar do desexo mutuo existente. E é por iso que a UE pide ao Reino Unido que presente propostas concretas e construtivas na próxima ronda de negociacións, a cal celebrarase do próximo 7 ao 11 de setembro en Londres.

Por outro lado, no relativo ao Protocolo sobre Irlanda e Irlanda do Norte, a Unión agarda que o Reino Unido faga o necesario para garantir a posta en práctica precisa e rigorosa das obrigacións legais contidas no Protocolo para ambas partes como única forma de preservar a economía, protexer a integridade do mercado único e, sobre todo, de garantir a paz e estabilidade continuas na illa de Irlanda.

Así mesmo, en materia de dereitos dos cidadáns, a UE permanece atenta a aplicación adecuada por ambas partes dos compromisos descritos no Acordo de Retirada. É por isto que, tanto a Unión como Reino Unido traballan coa sociedade civil e as asociacións de cidadáns que estiveron presentes na segunda reunión da Comisión Especializada en Dereitos dos Cidadáns o pasado 6 de agosto.

En definitiva, a próxima ronda de negociacións que se celebrará a segunda semana de setembro terá unha vital importancia dada a urxencia de acordar un texto legal entre as partes como moi tarde a finais de outubro e así poder evitar a saída do Reino Unido sen acordo, o cal tería como consecuencia unha serie de cambios moi significativos a partir do 1 de xaneiro de 2021.

Fontes:

Comisión
Europea

© Fundación Galicia Europa

ContactoAviso Legal