Preparación ante o Brexit

Exposición de Galicia ante a saída do Reino Unido da UE

 

Reino Unido representa o cuarto mercado de destino das exportacións galegas, por un valor de 1.421 M€, máis do 6% do total. O téxtil, a automoción, a lousa ou as conservas de peixes e de mariscos son os principais produtos exportados fronte aos cereais, peixe e marisco ou produtos siderúrxicos que Galicia importa por un valor cinco veces menor. Preto de 500 empresas galegas exportan a este país. Ademais, máis de 100 buques de capital galego faenan en augas británicas empregando a 1.700 tripulantes e facturando 250 M €.

No Reino Unido viven máis de 14.000 galegos, un 11% do total de residentes españois e menos do 3% da comunidade galega no exterior, mentres que en Galicia viven preto de 2.000 británicos, cifra que apenas representa o 1% do conxunto de británicos en España. Dos cinco millóns de turistas que a nosa comunidade recibiu en 2017, algo máis de 100.000 procedía de Reino Unido, en comparación cos 18,5 millóns de turistas británicos que acolleu o conxunto de España.

Para avaliar o impacto da saída de Reino Unido en Galicia, a Xunta de Galicia elaborou diversos estudos, dous deles centrados especificamente no sector pesqueiro. Ademais, o Consello Económico e Social (CES) de Galicia elaborou un informe sobre o grao de exposición da economía galega no que conclúe que, aínda que Galicia non se atopa entre as rexións europeas potencialmente máis afectadas, unha saída sen acordo tería repercusións directas nos fluxos comerciais, a actividade pesqueira e os dereitos dos cidadáns galegos que viven en Reino Unido.

 


 

Como prepararse ante a saída do Reino Unido

En xaneiro de 2019, o Goberno de España puxo en marcha a web Preparados para o brexit para facilitar a cidadáns e operadores económicos toda a información relacionada coa saída de Reino Unido da Unión Europea, con independencia de se hai ou non acordo de saída. Ademais de información xeral sobre este feito sen precedentes na historia europea, o apartado “Como prepararse”, recolle información resumida e práctica dirixida a:

A principios de marzo, o Consello de Ministros aprobou o Real Decreto-Lei 5/2019 para facer fronte ás consecuencias dunha posible retirada de Reino Unido da UE sen acordo, polo que se adoptan medidas de carácter temporal cuxo mantemento se condiciona a un tratamento equivalente por parte do Reino Unido. Estas medidas teñen un dobre obxectivo:

Desde principios de ano, diferentes ministerios habilitaron apartados dedicados ao brexit nas súas páxinas web para ampliar a información dirixida, na súa maioría, aos operadores económicos:

Ministerio de Industria, Comercio e Turismo

Tras a súa saída da Unión Europea, Reino Unido pasará a ser un país terceiro e iso suporá un cambio moi relevante na forma de relación cos países que permanecen na UE, coa posible imposición de aranceis e/ou o establecemento de controis sobre os estándares dos produtos a ou desde este destino preferente para as exportacións españolas. Dada o forte investimento directo que existe entre ambos os países, as cadeas produtivas están fortemente integradas. Poderían crearse discontinuidades normativas, impositivas e relativas ao prazo de entrega nas cadeas de produción de sectores como agroalimentario, aeronáutico, automoción, farmacéutico ou químico. Para iso, este ministerio ofrece información dividida en tres apartados:

Ministerio de Economía e Empresa

Responde a preguntas frecuentes no ámbito financeiro e sobre as comunicacións e internet, ademais de explicar as medidas de continxencia adoptadas no sector financeiro co obxectivo de garantir a protección dos clientes españois de entidades británicas que operan en España.

Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación

Explica como afecta o brexit ao comercio agroalimentario, os controis sanitarios e fitosanitarios, a denominación de orixe protexidas e indicacións de orixe protexidas, o sector pesqueiro e o financiamento das políticas comúns de pesca e agricultura na UE. O comercio agroalimentario de España con Reino Unido resulta relevante, xa que representa o 8% sobre o total das exportacións agroalimentarias españolas, e o 3% das importacións (datos 2017). O saldo comercial de produtos agroalimentarios é tradicionalmente positivo para España, salvo no caso da pesca, onde o volume de importación é superior ao de exportación. Un apartado específico explica como afecta o brexit ao sector pesqueiro.

Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social

En marzo puxo en marcha unha web para informar sobre as medidas de protección dos cidadáns españois no Reino Unido e dos nacionais do Reino Unido en España, tanto no caso de que se produza unha retirada do Reino Unido con acordo ou sen el. As medidas afectan ao dereito de residencia e traballo, á coordinación dos sistemas de seguridade social e á asistencia sanitaria.


Medidas de preparación e continxencia a nivel europeo

Medidas de preparación e continxencia a nivel europeo

De modo paralelo á negociación dun acordo de saída dos dous últimos anos, a Comisión Europea propuxo aos Estados membros diferentes “medidas de preparación” para adaptarse á saída británica da UE – independentemente de que a saída sexa con ou sen acordo- así como “medidas de continxencia”, que tratarían de mitigar os efectos dunha saída sen acordo e, por tanto, sen período transitorio.

Na páxina web creada para ese efecto recóllense:


Antecedentes

O 29 de marzo de 2017, o Reino Unido notificou oficialmente ao Consello Europeo a súa intención de abandonar a Unión Europea invocando o procedemento previsto no artigo 50 do Tratado da Unión Europea. A non ser que revogue esta decisión ou se prorrogue por unanimidade o prazo previsto ao efecto, a retirada será efectiva o 30 de marzo de 2019.

Abriuse entón un prazo de dous anos para que a Unión Europea e o Reino Unido negociasen un acordo que regulase a súa retirada e futura relación, co obxecto de lograr unha saída ordenada.

Os negociadores de ambas as partes alcanzaron un consenso sobre o texto do Acordo de Retirada o 14 de novembro de 2018. Na reunión extraordinaria celebrada o 25 de novembro de 2018, o Consello Europeo referendou o Acordo relativo á retirada do Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte da Unión Europea e a Comunidade Europea da Enerxía Atómica, e convidou á Comisión, ao Parlamento Europeo e ao Consello a que tomasen as disposicións necesarias para asegurarse de que este acordo puidese entrar en vigor o 30 de marzo de 2019. O 19 de febreiro de 2019 publicouse no «Diario Oficial da Unión Europea» a Decisión (UE) 2019/274 do Consello, de 11 de xaneiro de 2019, relativa á firma, en nome da Unión Europea e da Comunidade Europea da Enerxía Atómica, do devandito Acordo, xunto cos textos do Acordo e da Declaración política na que se expón o marco das relacións futuras entre a Unión Europea e o Reino Unido. O Acordo de Retirada terá que ser ratificado polo Reino Unido, de conformidade coas súas propias esixencias constitucionais.

O pasado 15 de xaneiro o Parlamento británico votou en contra do Acordo de Retirada proposto, e non existen garantías de que se logre unha saída acordada antes do 31 de outubro de 2019, data na que remata a prórroga concedida de cara a lograr un acordo. Adóptese ou non o acordo, o 1 de novembro de 2019 o Reino Unido deixará de ser Estado membro da Unión Europea, salvo que o Reino Unido comunique á Unión que retira a súa decisión de saída ou que o Reino Unido e a Unión acorden prolongar a prórroga do período de negociación.

Volver a páxina de inicio