• A creación dunha Reserva de Axuste ao Brexit fora acordada polos líderes europeos en xullo e agora a Comisión Europea  vén de publicar a proposta de regulamento que a porá en marcha
  • Días antes desta proposta, Galicia e outras rexións periféricas e marítimas emitiron unha declaración na que demandaban un instrumento flexible e con capacidade de chegar ás rexións.

Bruxelas, 14 de xaneiro de 2021. Ao día seguinte do acordo entre Reino Unido e a Unión Europea sobre as súas relacións comerciais a partir de 2021, a Comisión Europea publicou a súa proposta sobre a Reserva de Axuste ao Brexit (BAR polas súas siglas en inglés). Este instrumento, acordado polos líderes europeos en xullo, ten como obxectivo axudar a contrarrestar as consecuencias económicas e sociais adversas nos Estados membros e os sectores máis afectados polo Brexit.

Alcance e medidas apoiadas

O instrumento terá un orzamento global de 5.000 millóns de euros que irán destinados a apoiar ás empresas e o emprego nos sectores afectados, axudando ás rexións e comunidades locais, incluídas as que dependen das actividades pesqueiras en augas británicas. Así mesmo, o BAR tamén pode apoiar ás administracións públicas no bo funcionamento dos controis fronteirizos, aduaneiros, sanitarios e fitosanitarios, e en garantir os servizos esenciais aos cidadáns e empresas afectados.

A aplicación do BAR pretende ser rápida e flexible, cubrindo os gastos de calquera Estado membro durante un período de 30 meses. O instrumento distribuirase en dúas roldas:

•           A gran maioría dos 5.000 millóns mediante prefinanciación en 2021, calculada sobre a base do impacto previsto no final do período de transición na economía de cada Estado, tendo en conta o grao relativo de integración económica co Reino Unido, incluído o comercio de bens e servizos, e as repercusións negativas no sector pesqueiro da UE;

•        Un tramo máis pequeno de apoio adicional en 2024, no caso de que os gastos reais superen a asignación inicial, xustificando así a necesidade dunha solidariedade adicional por parte da UE.  Para ter dereito aos reembolsos con cargo a este último tramo do BAR, os Estados teñen que demostrar a relación directa das súas reclamacións co Brexit. Aplicarase o sistema habitual de control e xestión financeira dos fondos da UE.

O BAR pode apoiar diversas medidas entre as que se inclúen o apoio á empresa e comunidades locais, especialmente as que dependen das actividades pesqueiras nas augas británicas; o apoio ao o emprego mediante plans de traballo de curta duración, readaptación profesional e capacitación e outras accións para garantir o funcionamento dos controis fronteirizos, aduaneiros, sanitarios e fitosanitarios e de seguridade, o control da pesca ou os réximes de certificación e autorización de produtos. Tamén pode financiar campañas de comunicación, e sensibilización dirixidas a cidadáns e empresas.

Reparto entre os Estados membros

O 12 de xaneiro publicouse o reparto dos 4.000 millóns de euros de prefinanciamento entre Estados membros, conforme aos criterios establecidos no Anexo I da proposta. España é o sétimo país receptor en asignación total con 173 millóns de euros por detrás de Irlanda (991), Países Baixos (713), Alemaña (429), Francia (396), Bélxica (305) e Dinamarca (233).

600 millóns de euros repártense en función do valor do pescado capturado en Reino Unido e 3.400 en función do comercio de bens e servizos entre os países afectados e Reino Unido.

Próximos pasos

O Regulamento proposto terá que ser aprobado polo Parlamento e o Consello.

Declaración política sobre o BAR da CRPM

Neste sentido, a Comisión de Rexións Periféricas Marítimas (CRPM) -onde participa Galicia como líder da task force Brexit na Comisión do Arco Atlántico (CAA)- emitiu a mediados de decembro unha declaración política sobre o BAR na que aludía á importancia que deben ter as autoridades locais e rexionais para impulsar a aplicación do instrumento.

Nela, a CRPM defende a necesidade de que as rexións poidan optar ao financiamento, demanda que a avaliación das solicitudes sexa obxectiva e transparente e existan salvagardas para evitar unha distribución desequilibrada dos recursos. Destácase tamén a importancia de que o financiamento se concentre nas esferas nas que máis se necesitan, prestando especial atención ás rexións con fortes vínculos xeográficos e económicos co Reino Unido, e que o instrumento ten que comezar a funcionar canto antes, garantindo que os fondos poidan desembolsarse de maneira rápida e eficiente.

Antecedentes

O Reino Unido deixou a UE o 1 de febreiro de 2020. Mesmo co novo Acordo de Comercio e Cooperación entre a UE e o Reino Unido en vigor de maneira provisional, hai grandes cambios xa que o Reino Unido deixou o Mercado Único e a Unión Aduaneira, así como todas as políticas da UE e os acordos internacionais, e puxo fin á libre circulación de persoas, bens, servizos e capitais coa UE. Isto creou -en ambas direccións- obstáculos ao comercio de bens e servicios, así como obstáculos á mobilidade e aos intercambios transfronteirizos.

Para máis información: Comisión Europea

Preguntas e respostas: A Reserva de Axuste de Brexit

"A UE e o Reino Unido - Preparándose para o final do período de transición"

Proposta dunha reserva de axuste de Brexit

Conclusións do Consello Europeo do 17 ao 21 de xullo 2020

Declaración política da CRPM

© Fundación Galicia Europa

ContactoAviso Legal