Análise da Fundación Galicia Europa sobre o resultado do voto

Bruxelas, 16 de xaneiro de 2019. A votación do proxecto de acordo de Saída do Reino Unido da Unión Europea no Parlamento británico celebrouse o martes 15 de xaneiro. Como se esperaba, o acordo foi rexeitado por unha ampla marxe de votos (432 votos en contra, 202 a favor, o que supón unha marxe de 230 votos), unha derrota sen precedentes na historia do país.

Ante este resultado o líder da oposición, o laborista Jeremy Corbyn, presentou unha moción de non-confianza (o equivalente á moción de censura do sistema parlamentario español, pero sen carácter construtivo ) contra a Primeira Ministra. O voto sobre a moción celebrouse o mércores, 16 de xaneiro, e Theresa May conseguiu o apoio da Cámara para continuar sendo a líder do goberno por unha marxe de 19 votos. A moción obtivo 325 votos en contra e 306 votos a favor. Este apoio proveu dos membros do Partido Unionista Democrático de Irlanda do Norte, a parlamentaria independente de Irlanda do Norte Sylvia Hermon, tres parlamentarios independentes exlaboristas e todos os membros do Partido Conservador. Todos os demais membros da oposición (conformada polo Partido Laborista, o Partido Nacionalista Escocés, o Partido Liberal Demócrata, Sinn Féin, o partido dos Verdes e o galés Plaid Cymru) votaron a favor desta moción. Desta maneira, os mesmos parlamentarios conservadores que o día anterior rexeitaran o Acordo de Retirada proposto por May (118), concedéronlle o seu apoio na moción de non-confianza.

Como resultado dunha decisión do Parlamento británico da semana pasada, May deberá explicar o vindeiro luns cal é o seu plan a partir de agora, sen perder de vista que o calendario do Brexit prevé a saída de Reino Unido o próximo 29 de marzo. Así, a líder dos conservadores na Cámara dos Comúns, Andrea Leadsom, comunicou aos parlamentarios que May realizará unha intervención o luns 21 de xaneiro para detallar a súa folla de ruta e presentarase unha moción sobre este plan que será debatida o 29 de xaneiro. Os parlamentarios poderán introducir emendas a este plan B e dedicarase toda a xornada a un debate para o efecto. Previsiblemente, este será o momento en que se poida votar o plan do partido laborista (que presentará a través de emendas ao plan de May), así como unha emenda que expoña o rexeitamento ao escenario de non-acordo. Tamén se podería introducir unha emenda apelando a un segundo referendo.
Para esta segunda votación, a primeira ministra está a reunirse coas formacións presentes na Cámara para tentar alcanzar un acordo que conte co apoio maioritario. Puxo á fronte desta tarefa ao seu número dous, David Lidington.

En termos xerais, as ideas que os líderes da oposición están a trasladar á primeira ministra son:

a) o rexeitamento frontal dun Brexit sen acordo;

b) a solicitude á UE de que estenda o límite do artigo 50 máis aló do 29 de marzo;

c) que se propoña a convocatoria dun segundo referendo.

Por parte do goberno, algunhas fontes apuntan a que May podería estar a traballar na alternativa dun acordo comercial seguindo o "modelo Canadá" cun límite temporal á salvagárda irlandesa. May descartou de antemán a posibilidade da permanencia na unión aduaneira que reclaman os laboristas e tamén expresou a súa reticencia ao "modelo Noruega" porque a permanencia no mercado único choca coa súa promesa de acabar coa liberdade de movementos e "recuperar o control das fronteiras".

A postura do principal partido da oposición

Os únicos interlocutores que non están presentes nas reunións bilaterais que está a levar a cabo o goberno son os membros do Partido Laborista: Jeremy Corbyn supedita o inicio destas conversacións a que a primeira ministra se comprometa a retirar da mesa a posibilidade dun Brexit sen acordo.

O líder da oposición está a recibir moitas presións para a convocatoria dun segundo referendo, pero hoxe, durante unha rolda de prensa en Hastings (sur de Inglaterra) confirmou que non o convocará ata que se esgoten todas as vías. Insiste en que a primeira opción será tentar que o Parlamento británico aprobe o plan do partido laborista. Despois disto, se a alternativa é un non-acordo, exporanse a convocatoria de referendo.

O socialista lembrou que o seu partido defende un acordo de saída da UE con tres elementos:

i) pertenza á unión aduaneira permanente;

ii) relación estreita co mercado único;

iii) a garantía de que se manteñan os estándares de protección europeos no ámbito dos dereitos laborais, ambientais e de consumidores.

Downing Street mostrouse de acordo co terceiro punto, pero May non apoia o primeiro. O segundo é o máis problemático, porque é o máis incerto: os laboristas queren contar coas vantaxes de pertencer ao mercado único sen a membresía completa, algo que a UE xa rexeitou.

Por último, non descartou a posibilidade de que se convoquen novas mocións de non-confianza. No caso en que se presentase e se gañase, hai que ter en conta que o goberno contaría cunha semana a partir da votación para tentar recuperar a confianza do Parlamento, para constituír un goberno en minoría ou coalición co Partido Laborista. Se non se produce este resultado, o parlamento disolveríase e convocaríanse eleccións. O parlamento estaría pechado por un mes, e a semana do 11 de marzo sería a data máis temperá na que se poderían convocar tales eleccións. O 12, o novo goberno podería solicitar á UE estender o prazo do artigo 50. O 21 de marzo está previsto que empece o Consello Europeo.

Cabe sinalar que o líder do partido Liberal Demócrata, Vince Cable, declarou que non apoiará futuras mocións de non-confianza do Partido Laborista ata que non se comprometan a apoiar un segundo referendo.

Posibles escenarios

• Brexit suave: un grupo de parlamentarios de diferentes partidos están a apostar por un acordo que inclúe a permanencia no mercado único, parecido ao que se presentou na Cámara. Esta opción é a preferida polas empresas pero choca cos intereses  proBrexit dos conservadores.

• Renegociación: a maioría dos conservadores que se opoñen ao Acordo de Retirada están a reclamar que May volva a Bruxelas para renegociar en condicións máis vantaxosas. Con todo, a Unión Europea xa deixou claro que non quere reabrir as negociacións.

• Un segundo referendo: Unha parte dos parlamentarios conservadores lanzaron unha campaña para a convocatoria dun segundo referendo, “ Right to Vote”. A idea é que se trasladase ao público británico a última palabra sobre o Brexit no caso en que o Parlamento siga bloqueado. Jeremy Corbyn tamén está a recibir moitas presións para que convoque un referendo, o “ People’ s Vote” (as enquisas sinalan que o 70% dos membros do partido Laborista estarían a favor dun segundo referendo). Á súa vez, Nicola Sturgeon (ministra principal de Escocia) solicitará que o resultado do referendo só sexa válido se as catro rexións do Reino Unido votan de maneira similar -este reclamo xa fora rexeitado por David Cameron en 2016. De calquera xeito, esta opción necesitaría do apoio do Goberno británico para prosperar. Segundo as últimas enquisas, o 56% da poboación estaría a favor de quedar na UE, fronte a un 44% que estaría en contra.

• O acordo de May triunfa: varios dos membros do gabinete confían en que se podería aprobar unha versión do plan de May na segunda votación. Aqueles que votaron en contra poderían cambiar a súa postura se a alternativa é un segundo referendo ou un Brexit sen acordo.

• Brexit duro: se a primeira ministra non consegue os apoios necesarios para aprobar un acordo, a opción por defecto é que Reino Unido abandone a UE o 29 de marzo. Neste caso adoptaríanse as regras da Organización Mundial do Comercio para as transaccións na fronteira norirlandesa. Nos últimos días veuse insistindo en que, ao contrario do que argumentan os brexiteers, si sería necesario realizar controis aduaneiros a ambos os dous lados da fronteira irlandesa en caso dun brexit sen acordo. Baixo as regras da OMC, o Reino Unido podería optar por impoñer aranceis cero ao comercio coa UE, pero entón estaría obrigado a ofrecer estas condicións a calquera outro país. Isto implicaría importar alimentos e produtos lácteos desde países que, ata agora, contaban con aranceis moi altos, como Brasil ou Nova Zelandia, o que non resultaría beneficioso para a produción interna do Reino Unido. Neste sentido, os líderes da oposición manifestaron que “farán todo o posible para que non se dea o escenario de non-acordo” (incluída a posibilidade de convocar un referendo).

Reaccións dos líderes europeos ao rexeitamento do Acordo de Saída

En xeral, todos os líderes europeos lamentaron o resultado da votación do Acordo de Retirada no Parlamento británico. O presidente da Comisión, Jean-Claude Juncker sinalaba a necesidade de “que Reino Unido clarifique as súas intencións canto antes“ na súa declaración oficial despois de coñecerse o resultado. Donald Tusk foi un dos mandatarios máis directos ao preguntar por Twitter “quen terá finalmente a coraxe de dicir cal é a única solución positiva” (apelando á posibilidade de que o Reino Unido reformúlese a saída ou á posibilidade da convocatoria dun segundo referendo). A Tusk uníuselle Antonio Tajani, presidente do Parlamento Europeo, alegando que “este voto son malas noticias”. Frans Timmermans e Michel Barnier pronunciáronse de maneira similar ante o pleno do Parlamento Europeo do 16 de xaneiro.

Austria e Estonia mostráronse duros co Reino Unido “Non haberá renegociación do acordo de retirada”, comunicou Sebastian Kruz, chanceler austríaco, que quixo rebaixar o seu ton argumentando que non quere ver un “ Brexit duro”. Pola súa banda, outros países foron máis politicamente correctos. A chanceler alemá Angela Merkel sinalaba que "aínda hai tempo para negociar". España, en voz do seu presidente, Pedro Sánchez, argumentou a “catástrofe” á que se ateñen os británicos e as consecuencias para os cidadáns europeos. A este comentario uníronselle Chequia, Lituania, Eslovenia ou Bélxica. Paralelamente, ponse a énfase na necesidade de prepararse para todos os escenarios.

© Fundación Galicia Europa

ContactoAviso Legal