A primeira ministra británica fará efectiva a renuncia o próximo venres 7 de xuño e deixa unha gran incógnita sobre o futuro do Brexit, que deberá resolverse antes do próximo 31 de outubro

“Brexit means Brexit”, con esta mensaxe arrincaba a campaña de May para primeira ministra o 11 de xuño de 2016. 3 anos máis tarde, e tras 3 intentos infrutuosos de acadar un acordo para o proceso de separación, a que se ve obrigada a deixar Downing Street é a propia May.

A dimisión, o pasado 22 de maio, da ministra encargada das relacións co Parlamento do executivo británico, Andrea Leadsom, facía máis evidentes os problemas internos aos que se enfrontaba o goberno de May. A renuncia facíase efectiva tras unha nova proposición para desbloquear o Brexit, que inclúe a posibilidade de manter unha unión aduaneira temporal coa UE e tamén unha eventual repetición do referendo que derivou na actual situación.

Esta nova proposta non foi ben acollida por unha boa parte dos “tories”, máis proclives a forzar un Brexit sen acordo que a aceptar un acordo que non devolva por completo a súa soberanía ao Reino Unido. Neste contexto, e un día antes das eleccións europeas, Andrea Leadsom anunciaba a súa renuncia e deixaba a primeira ministra nunha posición complexa que derivou no anuncio de hoxe.

Como pode afectar a renuncia de May ao actual estado do Brexit?

Tras a convocatoria de eleccións anticipadas en xuño de 2017, co obxectivo de afianzar a súa posición fronte ao Brexit, os conservadores perden a maioría absoluta e vense obrigados a pactar cos unionistas norirlandeses. Esta situación debilita a May enormemente fronte ao seu partido e fronte á oposición, que non aceptan as propostas da primeira ministra para saír de Europa.

Agora Theresa May deixa o seu posto nas mans dos seus colegas de partido. A partires do próximo 7 de xuño, e co resultado das eleccións europeas xa revelado, os conservadores terán que propoñer unha alternativa para que ocupe o cargo de “premiere”. Esta situación deixa unha gran incógnita sobre o futuro e o camiño que percorrerá o Brexit nos próximos meses, que ten coma prazo límite o 31 de outubro de 2019.

© Fundación Galicia Europa

ContactoAviso Legal